Thursday 21 de November de 2024

Rueda reúnese co xefe de goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires co animo de preservar os intereses da colectividade galega na capital arxentina


— Destaca que “as relacións coas autoridades locais e nacionais aquí na Arxentina son fundamentais” para seguir obtendo máis seguridade e facilidades para seguir creando riqueza

— Reitera a importancia destas viaxes para seguir reforzando a colaboración coa colectividade galega na Arxentina de cara á Década Xacobea

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión co xefe de goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires, Jorge Macri, durante o cal ambos representantes institucionais abordaron cuestións de intereses para a capital arxentina e para Galicia, así como para a colectividade galega que reside na cidade. De feito, Arxentina é o país do mundo no que máis galegos viven, moitos deles en Bos Aires.

O titular do Goberno galego, que estivo acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, sinalou que “as relacións coas autoridades locais e nacionais aquí na Arxentina son fundamentais”, ao mesmo tempo que reiterou a necesidade de seguir obtendo máis seguridade e facilidades para seguir creando riqueza.

Neste sentido, referendou o carácter “amigable” do galegos e tamén da Administración galega, co único obxectivo de “tender pontes porque entendemos perfectamente que para que nos poñan as cousas fáciles, a educación, a responsabilidade e a corrección institucional son algo absolutamente fundamental”.

Fin da viaxe
Con esta reunión, que se suma ás mantidas esta mesma mañá co subsecretario de Pesca da Nación e representantes de empresas pesqueiras, remata a viaxe institucional do presidente da Xunta, a primeira desde que tomou posesión esta lexislatura.

Ademais de manter encontros coa colectividade galega, a visita tivo unha importante vertente económica co obxectivo de reforzar as vías de comunicación e apoio ás empresas que traballan no país.

Do mesmo xeito, Rueda insistiu na importancia destas viaxes para seguir reforzando a colaboración coa colectividade galega na Arxentina de cara á Década Xacobea e para seguir espallando o carácter acolledor do galego e o espírito universal do Camiño.