O edificio principal da Finca Tenreiro, en Nós, foi inaugurado esta tarde como Albergue municipal Esperanza Tenreiro. Con esta denominación, o Concello de Oleiros pretende render tributo e cumprir co legado desta muller, que no seu testamento deixou este espazo do século XIX para acoller a nenos e nenas da comarca con nais en dificultades.
Para darlle o uso co que pretendía Esperanza Tenreiro, pero adaptado aos tempos que vivimos, o Concello utilizará este lugar para realizar os distintos campamentos urbanos que se fan para nenos e nenas de Oleiros. Tamén poderá ser empregado por aquelas agrupacións culturais ou deportivas que reciban as entidades de Oleiros e precisen dalgún lugar para pernoctar. “A Fundación nunca cumpriu a vontade desta gran muller e somos nós, desde o Concello, os que estamos a facer realidade”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.
O albergue, de 400 m2, está dotado de todos os servizos de habitabilidade —cociña, aseos e duchas— precisos para estadías efémeras. Inicialmente, contará con 28 camas distribuídas en 5 dormitorios.
O Concello adquiriu esta propiedade mediante compra e permuta. Unha parte destinouse para a construción do Colexio Juan de Vega e a outra, presidida polo novo albergue, foi destinada a parque público.
A restauración de todo o parque, edificacións incluídas, realizouse mediante 5 obradoiros de emprego, que foron subvencionados pola Xunta de Galicia con 1,2 millóns de euros, nos que 94 veciños e veciñas de Oleiros en desemprego formáronse nas especialidades de xardinería, carpintería e albanelaría; cobrando un salario. O Concello aportou 915.000 euros de fondos propios.
O edificio está rodeado dunha frondosa finca de 32.000 m2, que pasará definitivamente a formar parte do sistema de parques públicos da parroquia de Nós, da que forman parte a Praza da Liberdade, a Carballeira, o Campo da Festa, os parques do Seixal, Mesón da Auga e O Pinar… ou próximo paseo ciclopeonil do río de San Pedro, entre O Seixal e o Pazo de Arenaza, en Iñás.
O acto de inauguración celebrado esta tarde, no que participaron decenas de veciños e veciñas de todo o municipio, estivo presidido polo alcalde, Ángel García Seoane. Por parte da Xunta acudiu a Directora Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado Lago. A Banda da Escola municipal de música pechou a xornada cun magnífico concerto.