Os bombeiros do parque Comarcal de Santa Comba recibiron hoxe, sábado 4 de maio, ás 14.47 horas unha chamada na que se informaba dun accidente na parroquia de Niveiro, no concello de Val do Dubra.
O incidente producírase cando o condutor do vehículo se saíra da vía mentres circulaba pola DP-7804, non podendo saír do vehículo polo seu propio pé.
O home sufrira feridas na cabeza e queixábase de sentir fortes dores no corpo, principalmente na perna, onde recibira un maior impacto. O condutor non estaba apresado, pero non podía saír do automóbil pola imposibilidade de abrir as portas do mesmo.
Os bombeiros procederon á súa excarceración, algo que fixeron arrincando dúas portas do coche. Esta actuación permitiu, finalmente, crear o espazo suficiente para sacar á vítima con seguridade. O home foi trasladado ao centro hospitalario por parte do 061.
Na intervención tomaron parte Protección Civil de Val do Dubra, a Garda Civil e o 061.