A conselleira de Política Social e Igualdade destaca os 15 anos de traxectoria da Fundación Eduardo Pondal, a entidade que desenvolve estes programas
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a Casa da Muller de Ponteceso, onde a Fundación Eduardo Pondal desenvolve programas de conciliación e envellecemento activo cun investimento de 50.000 euros ao ano por parte da Xunta.
A conselleira destacou os 15 anos de traxectoria desta entidade que ofrece actividades para maiores, como obradoiros de cociña, cestería, botánica, calceta, baile ou charlas; e servizos de conciliación, como unha Escola de Verán.
Fabiola García mostrou a súa satisfacción por comprobar de primeira man o labor das entidades sociais que, co apoio da Xunta, fan máis doado o día a día das familias e ofrecen alternativas para que os maiores manteñan unha vida activa e saudable na súa propia contorna.