· A Casa da Cultura acollerá a entrega do galardón o 31 de maio, no que tamén se presentará Oídos de espeleóloga, o traballo co que Ciro Briones gañou a pasada edición do certame.
“A forza da voz poética manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes”. Esta foi unha das razóns polas que a viguesa Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980) se fixo co 27º Premio de Poesía do Concello de Carral. Coa súa obra A pel do exilio, a autora conquistou ao xurado de xeito unánime.
O poemario de Penas Estévez foi escollido entre un total de 94 obras presentadas, o cal supón un novo récord para este certame, que medra ano tras ano en cifras de participación. De entre todos os traballos, o xurado elixiu o da viguesa salientando o seu ritmo e a súa “vocación de mediar co mundo, traspasando o texto na procura da reflexión metapoética e identitaria”.
O xurado estivo composto polo presidente; o alcalde Javier Gestal Pose, por Inma Otero, Tamara Andrés, Ciro Briones, e actuando como secretario, con voz e sen voto, o técnico de Cultura, Carlos Lorenzo.
O premio, que conta coa colaboración anual da Xunta de Galicia, está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
A entrega do premio Concello de Carral está prevista para o venres, 31 de maio, na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Oídos de espeleóloga, co que Ciro Briones Penela gañou a 26ª edición do certame. O certame carralés lévase a cabo en colaboración coa Xunta de Galicia.
Biografía da gañadora
Silvia Penas Estévez comezou a súa andadura poética no colectivo Redes Escartala. A autora colleitou varios premios e accésits ao longo da súa traxectoria profesional e, no 2010, publicou o seu primeiro poemario Biografía da multitude (en coautoría con Elvira Riveiro). Penas Estévez escribiu tamén de As uñas crecen, co que conquistou o certame Manuel Lueiro Rey de Poesía. A este séguenlle Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (Premio de Poesía Avelina Valladares) e Fronteira Paraíso.