Saturday 16 de November de 2024

A Xunta financiará a contratación de socorristas para garantir este verán a seguridade en praias e piscinas


 

  • A Dirección Xeral de Administración Local publicará en breve a orde de axudas que en edicións anteriores convocaba o departamento autonómico con competencia en materia de emprego
  • A nova convocatoria sufragará os gastos da contratación de persoal de socorrismo, tanto persoal en situación de desemprego como persoal do concello neste ámbito ou do servizo de socorrismo externalizado, e durante o período do 1 de xuño ata o 30 de setembro

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vai financiar a contratación de socorristas par a próxima campaña de verán nos concellos galegos para garantir a seguridade en  praias e piscinas a través dunha nova orde de axudas que substitúe e amplía os supostos de financiamento da convocatoria que nos últimos años viña publicando o departamento autonómico con competencias en materia de emprego.

Deste xeito, a Xunta prevé publicar en breve unha destas subvencións a concellos galegos, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas descubertas. Así, pese a que a vixilancia de praias e lugares públicos de baño e o seu mantemento compete aos concellos, o Goberno galego contribúe a fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia, como é a tempada estival.

Entre as principais novidades, a convocatoria subvencionará os custos salariais dos concellos solicitantes no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2024 para a contratación de persoal dedicado á prestación de servizos de vixilancia, rescate e salvamento en instalación acuáticas descubertas de titularidade municipal ou espazos acuáticos naturais situados no ámbito territorial do municipio.

A diferencia de convocatorias anteriores nas que se esixía ao persoal estar en situación de desemprego e figurar no Servizo Público de Emprego, nesta ocasión amplíase a cobertura a outros dous supostos: tanto persoal propio da entidade local destinado a este servizo como ao persoal que o concello contrata para estas tarefas a través dunha empresa externa mediante un contrato de servizos.

Cómpre lembrar que, tamén de cara a época estival, a Xunta conta con outras medidas para garantir a seguridade nos municipios máis turísticos como é o caso das subvencións para a contratación de auxiliares de Policía Local.

Aínda que a contratación de socorristas é un asunto de competencia estritamente municipal, a Xunta  ademais de fomentala a través de axudas tamén regula a formación que deben reunir. As persoas que poden exercer esta actividade deben estar dados de alta no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

En 2021 aprobouse un decreto -en consenso coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Cruz Vermella e outras entidades- que ampliou e flexibilizou as vías de acceso para traballar como socorristas e en 2023 aprobáronse novas modificacións -tamén consensuadas coa Fegamp  e  as asociacións e colectivos que traballan neste ámbito- para incrementar aínda máis as vías de acceso e as entidades capacitadas para a formación.