Friday 22 de November de 2024

O Concello de Neda rendeu tributo a todas as nais do municipio, agasallando a dúas das máis lonxevas


Unha Casa da cultura ateigada acollía onte venres á noitiña a primeira edición do Festival Día da Nai, unha emotiva homenaxe a todas as madres de Neda que, desta volta, estiveron representadas por dúas das máis lonxevas do municipio. Pilar Rico Suárez e Beatriz Torrente Vivero, rodeadas de familiares, recibían o aplauso do público e un detalle por parte do Concello.

A historia destas mulleres, de 99 e 96 ano respectivamente, fala de emigración no primeiro caso, e de traballo duro dende os 13 anos no segundo. Unha vida sacrificada como a doutras tantas veciñas da súa xeración, que foron nais, avoas e algunhas, como elas, tamén bisavoas.

O alcalde Ángel Alvariño facíalles entrega dunha placa conmemorativa, e as concelleiras de Cultura e Igualdade, Marián Bello e Ángeles Puentes, de cadanseu ramo de flores. Houbo tamén palabras para Manuela Soto, a outra nai veterana, que aceptara o convite do Concello e que, finalmente, non puido asistir.

Despois, dende primeira fila as homenaxeadas asistiron a unha velada, presentada por Ana Berta Varela, chea de poesía, da man de alumnas da Escola municipal de teatro infantil, e de música.

Así, a animada actuación da rondalla Só elas dou paso ao intervención do grupo de acordeóns da escola BellónMaceiras, que finalizou a súa intervención, interpretando conxuntamente un tema coa rondalla Lucero del Alba. A agrupación musical nedense quixo agasallar ás homenaxeadas e ao resto dos presentes coa estrea de “Marabilla natural”, un tema de Manuel Castro, un dos seus integrantes, dedicado a Neda.