• A Policía Local realizará ao longo deste mes un labor de información entre as persoas propietarias de mascotas
• Nos once anos que leva en funcionamento a canceira municipal foron recollidos 927 cans e 73 gatos, e nestes momentos temos acollidos 50
Fomentar a convivencia entre os distintos usuarios das rúas e os espazos públicos, velar polo cumprimento da lexislación en materia de dereitos dos animais e obrigas das persoas que os posúen e promover as adopcións son os tres grandes obxectivos da campaña “En Carballo o teu can é un máis”, que presentamos hoxe coas participación dos concelleiros de Medio Ambiente e Seguridade, Miguel Vales e Juan Seoane; o xefe da Policía Local, Pedro Cancela, e o alcalde, Evencio Ferrero.
Miguel Vales insistiu na importancia da convivencia, de aí que desde o Concello de Carballo se sigan a poñer medios para difundir a obrigatoriedade de normas tan sinxelas como levar aos cans sempre atados con correa, e no caso de razas consideradas potencialmente perigosas tamén con bozo; recoller os excrementos e telos identificados con microchip.
Nos tres aspectos, aínda que con cada campaña se consegue certa melloría, aínda hai moito que avanzar. Un problema grave é o abandono de mascotas. Nos 11 anos que leva en funcionamento a canceira municipal recolléronse 927 cans e 73 gatos, máis de 1.000 animais dos que só un 15% estaban identificados con microchip. Unha cuarta parte foron reclamados polos seus propietarios e un 28% foron adoptados, pero, aínda que só no que vai deste ano xa se rexistraron 8 adopcións, aínda temos 8 cans na instalación municipal e 42 aloxados no Hotel do Can: 50 animais en total cuxo mantemento supón para as arcas municipais máis de 350 euros ao día, sen contar gastos médicos e doutro tipo.
Juan Seoane explicou que nos últimos anos entraron en vigor unha lei autonómica e outra estatal que introducen importantes novidades con respecto aos dereitos das mascotas e ás obrigas das persoas que as posúen, pero que ademais prevén sancións moi cuantiosas no caso de incumprimento. “Desde a entrada en vigor da lei estatal recibimos varias chamadas tanto de protectoras coma de veciños a título individual denunciando o estado no que se atopaban algúns animais”, apuntou. Tras as indagacións policiais pertinentes, nos casos nos que foi necesario aplicáronse medidas correctoras que deron resultado sen necesidade de tramitar sancións.
De feito, o traballo diario da Policía Local e a campaña que se pon en marcha agora teñen un obxectivo informativo e corrector de posibles condutas incívicas. Os axentes, como explicou Pedro Cancela, intensificarán a súa presenza nas zonas nas que hai maior presenza de cans e comprobarán se teñen microchip, se levan correa ou bozo, e a persoa propietaria leva as bolsas obrigatorias para recoller os excrementos e se os animais están ben coidados. Os axentes repartirán folletos informativos que recollen normas básicas de convivencia e tamén dispensadores de bolsas con forma de óso a quen o precise.
O alcalde fixo un chamamento “a respectar aos demais como a todos nos gusta que nos respecten” e á responsabilidade dos propietarios de mascotas de proporcionarlles os coidados axeitados. Evencio Ferrero, por outra banda, foi crítico coa lexislación que establece obrigas para as administracións locais sen dotalas de medios, o que “obriga a esforzos extraordinarios”, e insistiu en que “se todo o mundo cumpre, a sociedade gaña”. Por último, agradeceu a colaboración de clínicas e outros establecementos veterinarios no reparto do material informativo elaborado para esta nova campaña.