Tras a caída de parte dun carballo afectado pola enfermidade Armillaria Mellea, o Concello pechará temporalmente a carballeira, fará unha poda de seguridade e tomará mostras das árbores para a súa análise
O Concello de Brión acometerá varias accións tras a caída de parte dun dos carballos da emblemática Carballeira de Santa Minia o pasado mércores. Ese mesmo día acordoouse a zona e pechouse temporalmente, habilitando camiños seguros ás instalacións municipais que rodean a carballeira (biblioteca, Casa da Cultura, ala CeMIT…) para que a veciñanza poida acceder a elas con normalidade e sen ningún tipo de risco.
O próximo martes, día 7 de maio, procederase á revisión física das árbores e acometerase unha poda de seguridade, consistente en podas progresivas nas ramas das árbores que estean danadas para así evitar futuras caídas. Estes traballos serán realizados polo GES Brión, baixo as indicacións dos técnicos encargados do proceso de repoboación da carballeira. Ademais, tamén durante a vindeira semana empezaranse a tomar mostras dos carballos de Santa Minia, que seguidamente serán enviadas ao laboratorio encargado de determinar o seu estado sanitario.
Estas mostras mandaranse en quendas de 10 en 10. Trátase dun traballo laborioso porque de cada carballo tomaranse tres mostras: da raíz, da terra e das ramas. Así unha quenda supón a toma dun total de trinta mostras. Os resultados das análises tardarán en coñecerse un par de meses. Nese momento, o Concello poderá ter unha visión real do estado sanitario actual das árbores para así tomar a mellor decisión sobre como proceder con elas.
A Armillaria Mellea, enfermidade para a que non hai cura posible, provoca a putrefacción do sistema radicular do carballo e, en consecuencia, a morte da árbore por inanición ao non poder absorber nin a auga nin os nutrintes do chan. En ocasións, a propia árbore opta por desfacerse dunha parte das súas ramas nun intento de sobrevivir ao fungo, o que ocasiona sucesos como os producidos o pasado mércores a pesar de non ser unha xornada con vento. Por iso é tan importante a tala das ramas que poidan ocasionar un perigo á veciñanza, que será realizada durante a próxima semana seguindo a guía dos técnicos especializados que asesoran ao Concello de Brión.