Friday 22 de November de 2024

Os do Fondo da Barra pecharán o ciclo Folk no Colón presentando BâNZô, o seu primeiro disco


José Manuel Lage destacou o papel protagonista da cultura galega na programación cultural promovida polo Goberno de Inés Rey

O concerto será o 30 de maio no Teatro Colón e aínda quedan entradas á venda

O primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, presentou xunto ao músico Henrique Peón o primeiro disco do grupo Os do Fondo da Barra, que leva por título BâNZô e cuxa estrea en directo será o 30 de maio no Teatro Colón, co que se pechará o ciclo Folk no Colón que promove o Goberno de Inés Rey. A presentación tivo lugar no recibidor do propio teatro, onde os membros da formación interpretaron unha das pezas deste traballo discográfico.
“Nos últimos anos estamos a vivir unha auténtica revolución do folk en Galicia, e na Coruña non quixemos ser actor secundario. Por iso desde o Goberno de Inés Rey estámoslle a dar á cultura galega o peso que merece dentro da nosa extensa e prestixiosa programación cultural”, sinalou José Manuel Lage durante a presentación. O primeiro tenente de alcaldesa lembrou que aínda quedan entradas á venda a través de Ataquilla e do despacho de billetes da praza de Ourense para esta actuación.

Os do Fondo da Barra é un grupo de música galega que naceu no seo da Asociación Cultural Xacarandaina, na Coruña. Esta asociación leva 45 anos en activo e é un dos grandes referentes do folclore do país polo seu labor a prol da recuperación do patrimonio cultural de Galicia. A formación está composta por 15 homes que interpretan cantos que se recolleron por todo o territorio galego, coa pretensión de representar os cantares masculinos da arte inmaterial de Galicia.
BâNZô é un traballo discográfico que contén temas propiamente tradicionais e populares aos que lles dan un tratamento folk actual máis achegado ás novas correntes. Nel pódenseescoitar cantos de taberna, cantos mariñeiros e cantos de acompañamento ao baile, e utilízanse distintos instrumentos de percusión de man e outros como acordeón, gaita, saxofón, tamboril ou bombo con pratos turcos.

Grande éxito de Folk no Colón

José Manuel Lage destacou diferentes fitos que tiveron lugar na cidade nos últimos anos e que involucraron a música galega, grazas ao fomento que fai dela o Goberno de Inés Rey. O concelleiro destacou o peso deste xénero en eventos como o Festival Noroeste ou as Festas de María Pita. Tamén quixo facer mención a este ciclo Folk no Colón, que na súa primeira edición programou seis actuacións de primeiro nivel nun dos teatros referentes a nivel galego. “Nos últimos anos a música galega foi gañando peso nos diferentes eventos organizados polo Concello da Coruña, déuselle a entidade que merece e permitiuse a súa difusión entre os coruñeses e as coruñesas”, sinalou.

Folk no Colón acolleu entre decembro e este mes de maio as actuacións de Susana Seivane, Leilía, Luar na Lubre, Budiño e Xabier Díaz, cun grande éxito de asistencia. Así o reflicten as 3.413 entradas vendidas para as cinco actuacións, tres delas con cheo absoluto. Tratouse de concertos xenuínos, nos que se presentaron novos traballos ou recompilatorios. José Manuel Lage garantiu a continuidade do apoio do Goberno de Inés Rey a esta e outras iniciativas de tradición cultural galega.