O premio tenta recoñecer os traballos xornalísticos que teñan contribuído á defensa e difusión dos valores da igualdade e a loita contra a violencia de xénero
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, entregou hoxe en Santiago o premio do I Concurso “Comunicar en Igualdade”, á xornalista Iolanda Fernández Casal, polo seu artigo “Working girls”, publicado en El Correo Gallego.
O premio ten como finalidade recoñecer e recompensar os traballos xornalísticos que teñan contribuído á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero. O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros.
O concurso ten coma premisa fundamental premiar as boas prácticas xornalísticas respecto dun tratamento axeitado de asuntos de cobertura informativa diaria como poden ser o sexismo na publicidade, outros modelos de masculinidade, a violencia machista, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, a violencia de xénero en colectivos especialmente vulnerables, a situación da muller nos diferentes ámbitos, así como os temas relacionados en xeral coa perspectiva de xénero e coa desigualdade por razón de xénero.
A difusión pública nos diversos medios de comunicación dos asuntos relacionados coa perspectiva de xénero e coa igualdade por razón de sexo, ten unha importancia decisiva na actualidade no labor de concienciación social sobre esa problemática e sobre a promoción da igualdade como obxectivo irrenunciable da nosa sociedade.
Por estas razóns, considérase que o órgano competente en materia de igualdade da Xunta de Galicia pode exercer un labor positivo neste sentido mediante a introdución dun estímulo ou incentivo para fomentar a publicación e a investigación sobre esas materias, tanto nos/as profesionais do xornalismo como no alumnado das facultades e escolas universitarias relacionadas con esta profesión.
O xurado estivo presidido pola propia titular de Igualdade, tres vogais designados/as pola Secretaría Xeral da Igualdade e outros tres vogais designados/as polo Consello Asesor de RTVE-Galicia e da CRTVG.