“Pararemos esta lei ata que o sector vexa que está feita para eles, para darlle garantías, para que poidan obter fondos europeos e para que poidan protexerse das empresas que queren especular e que non queren crear postos de traballo”, asevera
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a Xunta vai facer “un alto no camiño” na tramitación da Lei de acuicultura porque “non se vai aprobar sen ter o respaldo do sector”. “Pararemos esta lei ata que o sector vexa que está feita para eles, para darlle garantías, para que poidan obter fondos europeos e para que poidan protexerse das empresas que queren especular e que non queren crear postos de traballo”, aseverou.
Segundo manifestou durante a súa intervención no Pleno do Parlamento, a Xunta vai abrir inmediatamente mesas de diálogo cos bateeiros, coa xente do marisqueo e coas confrarías, porque a Lei de acuicultura “nace xustamente para respaldar o sector” e a súa aprobación debe contar co seu apoio. “Mentres o sector non vexa que esta lei é a lei do sector, non se aprobará”, remarcou.
Dar cobertura legal e seguridade xurídica ás familias que viven do sector
O titular do Goberno galego explicou que o Anteproxecto de Lei de acuicultura persegue tres obxectivos: consolidar e mellorar a acuicultura galega, preparala para o mundo globalizado para poder exportar, e estabilizar e dar seguridade xurídica ás 5.400 familias que viven do sector do mar en Galicia.
Segundo precisou, con esta normativa a Xunta busca “un aproveitamento óptimo dos recursos” ao entender que “é posible que máis familias vivan da acuicultura, do marisqueo e da baixura”. Por iso, engadiu, o obxectivo é “dar cobertura legal a esas familias e darlle seguridade xurídica, blindar esas familias dos furtivos, que poidan recibir fondos europeos e que vivan mellor nos vindeiros anos porque cremos que é a nosa obriga”.
“Temos que evitar os erros do pasado e que ninguén se aproveite desas familias ante unha actividade que non está regulada”, asegurou. Con esta lei, agregou, “estamos garantindo que o 82% dos fondos da pesca vaian para os produtores de mexillón e os bateeiros”.
Feijóo indicou que o novo texto nace da Estratexia Galega de Acuicultura que a Xunta aprobou no ano 2012 sen alegacións, e do documento presentado na UE e no Comité de Rexións aprobado por unanimidade, que considera que Galicia é un lugar axeitado para esta actividade e que a normativa é correcta.
Nesta liña, apuntou que cando o proxecto existente durante o bipartito era deixar sen efecto as concesións dos bateeiros e sacalas a concorrencia e publicidade, a Xunta ampliounas a 30 anos e agora esta nova lei prevé amplialas ata os 50 anos.
Segundo avanzou, polo de agora hai unha serie de alegacións que xa están pactadas. Entre elas, que non se poida desenvolver a acuicultura nin a piscicultura en polígonos de mexillón, que as cordas de todas as bateas non poidan exceder os 6.000 metros, e aquelas novas zonas alleas aos cultivos actuais onde se poidan instalar estes cultivos acuícolas.