Friday 22 de November de 2024

Gonzalo Muíños solicita unha reunión co goberno local “con ánimo propositivo” ante o novo retraso na licitación dos autobuses


O portavoz socialista di “comprender” a situación pero pide transparencia, lembrándolle á Alcaldesa as súas reclamacións cando non tiña o bastón de mando: “pregúntome onde está a reunión de portavoces con presencia técnica que a señora Sanmartín pediría se estivera na oposición”

Recoñece que se trata dun contrato “difícil e complexo” e pide transparencia para coñecer a nova situación na que se atopa o contrato e o efecto que estas alegacións poden ter nos prazos

“Lamentamos pero comprendemos a situación”. É a reacción do Grupo Socialista ante o novo retraso que se presenta no horizonte para a licitación do servizo de transporte urbano. Unha nova que chega logo de que dúas empresas presentaran alegacións ao estudo de costes durante o período de exposición ao público. Ante isto, Gonzalo Muíños recoñece que se trata dun contrato “difícil e complexo” e pedirá unha reunión co goberno local “para que nos expliquen a nova situación na que se atopa o contrato” así como o efecto que as alegacións presentadas poden supoñer nos prazos dados ata o de agora.

O portavoz dos socialistas asegura estar nun ánimo “propostivo”, aínda que se pregunta “onde está a reunión de portavoces con presencia técnica que a señora Sanmartín pediría se estivera na oposición”. Con esta afirmación, os socialistas volven a poñerlle o espello á alcaldesa tirando de hemeroteca, lembrando que ante os atrancos que se atoparon no anterior proceso de licitación, o impulsado polo goberno socialista, a actual rexedora esixira unha xuntanza destas características.

Lembra tamén o edil socialista que Compostela Aberta chegara a reclamar a convocatoria do Pacto pola Mobilidade para dar explicacións sobre o estado no que se atopaba a licitación: “agora que sofren os atrancos da xestión pública, quedan calados” critica Muíños que, recalca, “xa non hai leccións de transparencia, nin teóricas nin prácticas”.

A pesar da discrepancia política, Gonzalo Muíños asegura seguir “con vontade de colaboración para sacar adiante a renovación do servizo” reclamando “información e transparencia”.