Friday 22 de November de 2024

Aberta a inscrición nos servizos de conciliación para o verán e tamén para o curso escolar 2024-2025


As persoas interesadas poden ampliar información e inscribirse acudindo ao CIM.

O Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha ten como obxectivo responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os seus horarios laborais cos escolares dos seus fillos, posibilitando a atención dos menores por persoal cualificado, realizando actividades lúdicas e educativas e tendo a opción de recibir un almorzo equilibrado.
O Concello anuncia a apertura do prazo de inscrición para os servizos de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestarán a través deste programa durante o verán e tamén no período lectivo do curso escolar 2024-2025.
Para o caso da época estival, o servizo Vacacións estará operativo desde o remate do actual curso escolar e ata o comezo do próximo no mes de setembro. O horario de funcionamento será de luns a venres de 7:00 a 14:15 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo. Vai dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade que estean empadroados no termo municipal da Laracha. A preinscrición debe formalizarse ata o día 7 de xuño.
Pola súa parte, o servizo Madruga durante o curso escolar 2024-2025 será idéntico ao que se está a prestar no momento actual. Ofértase ao alumnado matriculado nos tres colexios do termo municipal (CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) para todos os días lectivos a partir das 7:00 horas e ata o inicio da actividade no centro de ensino correspondente.
A preinscrición estará aberta ata o 31 de xullo, data a partir da que poderán seguir presentándose instancias, pero pasando automaticamente á lista de agarda no suposto de que xa estivesen adxudicadas todas as prazas dispoñibles.
Tanto en Vacacións como en Madruga as prazas son limitadas e terán prioridade de acceso as persoas que xustifiquen a necesidade da conciliación atendendo a circunstancias laborais e sociofamiliares, de acordo ás que tamén poderán beneficiarse de bonificacións no prezo xeral do servizo.
As persoas interesadas poden ampliar información e tramitar a preinscrición acudindo ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), situado no Edificio Administrativo da Laracha. A normativa e os modelos de inscrición en ambos servizos están dispoñibles na web municipal.