Tamén se acordou adxudicar ao BBVA unha operación de préstamo para impulsar o capítulo de investimentos.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar a Ezcurra y Ouzande Arquitectura, S.L.P. o contrato de servizos para a redacción dos proxectos básico e de execución e a dirección de obra da rehabilitación integral do edificio da Casa do Concello, que está valorado en 99.000 euros.
A clasificación das ofertas das empresas que concorreron ao procedemento aberto de licitación realizouse tendo en conta as propostas económicas e as técnicas. Para valorar ese segundo aspecto fora constituído polo Concello un Comité de Expertos formado por técnicos especializados das principais administracións, con representación do Goberno de España (a través da Demarcación da Costas de Galicia), da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades), da Deputación da Coruña e do Concello da Coruña. Ademais, en representación do tecido asociativo e deportivo municipal, contouse con membros das directivas das dúas entidades do concello da Laracha que presentan un maior número de asociados: a Asociación Cultural Santa María de Torás e a Unión Deportiva Paiosaco.
Cabe lembrar que o orzamento inicial previsto para a execución do proxecto de rehabilitación da Casa do Concello ascende a 1.250.000 euros, contándose para o seu cofinanciamento cunha achega de máis de 700.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública.
Operación de préstamo
Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno tamén se acordou adxudicar o contrato da operación de préstamo por un importe de 600.000 euros que se destinarán integramente a impulsar o capítulo de investimentos no ano en curso, tal e como se contemplara na aprobación do presuposto municipal para 2024.
Dito contrato foi adxudicado ao Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A. (BBVA) con un xuro fixo do 3,18 % para toda a vida da operación, que é de 10 anos incluíndo 2 de carencia.
Con estes fondos o Concello disporá de liquidez para afrontar investimentos na adquisición de terreos, obras de mellora de edificios e instalacións públicas e actuacións na rede viaria municipal sen minorar outras partidas orzamentarias.