Saturday 16 de November de 2024

Once empresas optan á adxudicación dos contratos do servizo de desbroce de vías e parcelas municipais


Actuarase en 300 km de estradas, 100 km de camiños forestais e preto de 32 hectáreas de terreos.

A Mesa de Contratación reuniuse hoxe para proceder á apertura de plicas e a clasificación das ofertas presentadas ao procedemento de contratación do servizo de roza e desbroce de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal.

En total son once as empresas que optan a resultar adxudicatarias dalgún dos cinco lotes nos que está dividido o contrato. Co propósito de axilizar os traballos, cada licitante só poderá resultar adxudicatario dun deles, que son os seguintes:
• Lote 1. Estradas municipais das parroquias de Cabovilaño, Caión, Lemaio, Lendo, Torás e Vilaño: 37.645,76 euros.
• Lote 2. Estradas municipais das parroquias de Coiro, Erboedo e Soandres: 29.731,84 euros.
• Lote 3. Estradas municipais das parroquias de Lestón, Golmar, Montemaior e Soutullo: 30.664,32 euros.
• Lote 4. Camiños forestais de todo o termo municipal: 27.313,74 euros.
• Lote 5. Parcelas e terreos de titularidade municipal: 14.524,02 euros.

Esta campaña de desbroce ten por obxectivo eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede viaria.
En total o Concello destinará 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais para realizar eses traballos durante o remate da primavera, o verán e no inicio do outono en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, máis de cen quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de superficie de parcelas e terreos municipais que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.

Continuando co procedemento administrativo, nos próximos días serán adxudicados os contratos, de acordo á clasificación efectuada pola Mesa de Contratación, polo órgano municipal competente, que é a Xunta de Goberno Local.