A programación especial desenvolverase do 10 ao 30 de maio
O Concello de Lousame prepárase para celebrar por todo o alto a XXII Festa do Galego cunha programación que inclúe seis actividades culturais gratuítas que se desenvolverán entre o 10 e o 30 de maio. Unha oferta que inclúe unha sesión de contacontos, unha sesión de teatro, un concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona e dúas exposicións sobre a vida e obra de Luísa Villalta e Zernadas de Castro, que mantén a súa tradicional ofrenda floral.
“Unha programación variada e para todas as idades, polo que agardamos que os veciños e veciñas de Lousame participen nestas actividades dirixidas a un público familiar como o concerto de Uxía Molona ou a tradicional ofrenda floral a Zernadas de Castro”, apunta Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura. A participación será totalmente de balde e libre, se ben nos casos do contacontos, do concerto e da sesión de teatro será preciso reservar a entrada a través de bandotiket.com.
Programación
A XXII Festa do Galego de Lousame arrincará na Casa da Cultura o venres 10 de maio, ás 18:30 horas, co contacontos “Kalopsia: un planeta non tan diferente”. Dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, a actividade contará cunha intérprete de lingua de signos e ten como obxectivo promover unha aprendizaxe sobre o funcionamento da Unión Europea e os valores europeos entre os máis novos do municipio. Promovido por Europe DirectA Coruña, “Kalopsia: un planeta non tan diferente” tratará de achegar a rica tradición literaria europea á rapazada lousamiá.
O xoves 16 de maio, o Concello de Lousame inaugurará unha exposición sobre a vida e obra de Zernadas de Castro no atrio da Igrexa de Fruíme. Unha actividade previa á tradicional ofrenda floral, que este ano terá lugar o sábado 18 de maio, ás 13:00 horas. “Dúas actividades coas que volvemos reivindicar a dedicatoria dun Día das Letras Galegas á figura de Diego Antonio Zernadas de Castro por todo o que fixo a favor da lingua e da cultura galega”, puntualiza Silvia Agrafojo.
O domingo 19 de maio, ás 18:00 horas, a praza do Concello de Lousame acollerá un concerto infantil a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona, que presentarán o seu novo espectáculo “Un soño é…”. Unha divertida actuación na que os artistas interpretarán clásicos populares galegos dándolles un toque moderno: desde “A saia de Carolina” rapeada a versións de clásicos do rock, o ska e a cumbia. En caso de choiva, o espectáculo trasladaríase ao polideportivo municipal da Silva.
Unha semana despois, o domingo 26 de maio ás 18:00 horas, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a montaxe de pequeno formato “De Vilatriste a Vilalegre”, unha peza de teatro dirixida a un público infantil en coprodución con Teatro O Cubo, Sofía Espiñeira e Roberto Casal. A través deste proxecto, denominado “A utópica rordante”, o Centro Dramático Galego compartirá a historia recente do teatro galego no seu camiño de profesionalización.
Finalmente, a Casa da Cultura de Lousame acollerá a inauguración dunha exposición da vida e obra de Luísa Villalta, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.