— O Goberno galego investirá 615.000 euros anuais ata 2028 na atención a adolescentes que cumpren medidas xudiciais en réxime aberto
— Trátase dun incremento medio anual do 15% con respecto á situación actual, o que permitirá reforzar este servizo
— Concertarase cunha entidade social a xestión deste servizo, que ten como obxectivo a reinserción destes mozos e evitar a reincidencia
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a contratación por réxime de concerto social do funcionamento do Centro de Intervención Educativa en Medio Aberto (Ciema) da provincia da Coruña. O Goberno galego investirá 615.000 euros ao ano ata 2028 nos programas deste centro para favorecer a reintegración social de adolescentes que cumpren medidas xudiciais sen privación de liberdade.
Esta contía supón un incremento medio anual do 15% con respecto á situación actual, o que permitirá reforzar este servizo. O ano pasado este centro atendeu a máis de 300 menores de idade que estaban nesta situación. Concertarase cunha entidade social a xestión deste servizo, que ten como obxectivo a reinserción destes mozos e evitar a reincidencia.
Galicia conta con cinco Ciemas situados nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Neles préstase atención a adolescentes que están a cumprir medidas impostas polos xulgados en réxime aberto. Desde setembro do ano pasado todos son xestionados por entidades sociais a través de concertos, agás o da Coruña, para o que se aprobou hoxe a súa convocatoria.
Reeducación e inserción social
As actuacións que se realizan nos Ciemas están orientadas cara á reeducación dos menores infractores, para o que se teñen en conta as súas circunstancias persoais, familiares e sociais. Os profesionais destes centros perseguen a reinserción dos menores para o que traballan con eles na adquisición das habilidades sociais, laborais e educativas necesarias para a súa integración social, así como para evitar a reincidencia e a exclusión social.