As axudas poden solicitarse ata o 15 de febreiro
O Boletín Oficial da Provincia tamén publicou este luns a convocatoria de axudas para bolsas de estudos e para os servizos prestados pola Escola Infantil Municipal. As familias poden tramitar desde xa as solicitudes dunha liña da que se poderán beneficiar os nenos e nenas que cursen estudos obrigatorios ou 2º Ciclo de Educación Infantil no centro público do Concello de San Sadurniño ou concellos limítrofes, os rapaces e rapazas que cursen bacharelatos, ciclos ou titulacións universitarias fóra do municipio e, por último, tamén aquelas criaturas matriculadas ou admitidas na EIM neste curso. En total destínanse 25.000 euros a bolsas e conciliación. O prazo para solicitar estas axudas remata o 15 de febreiro.
As bases para a concesión destas axudas están publicadas no Boletín Oficial da Provincia, e poden descargarse en pdf ou ben consultalas directamente en html.
O capítulo das axudas ás familias en forma de bolsas de estudo e subvencións para conciliación ascende a 25.000 euros, dos que 2.000 se reservan para posibles casos de emerxencia. Esta cantidade distribuirase en tres apartados: estudos obrigatorios -infantil, primaria e secundaria-, estudos postobrigatorios -bacharelatos, ciclos formativos e universitarios- e, por último, no destinado a cubrir parte dos gastos de asistencia dos nenos e nenas de 0 a 3 anos á Escola Infantil Municipal de San Sadurniño no presente curso.
Para os estudos obrigatorios e postobrigatorios resérvanse 15.000 euros, aínda que este ano introdúcese a novidade de dividir a contía en dúas partidas específicas. Así, para bolsas dirixidas a gastos de estudos obrigatorios e 2º ciclo de primaria hai unha dotación de 5.000 euros e a axuda poderá ser de ata 200 euros por neno ou nena sempre que a unidade familiar non supere os 6.000 euros de base liquidable da súa renda anual correspondente ao exercicio 2014
No caso dos estudos postobrigatorios a partida total ascende a 10.000 euros e a axuda pode chegar ata os 600 euros por solicitude, habida conta de que en San Sadurniño non se imparten este tipo de ensinanzas e que, polo tanto, tamén é maior o esforzo das familias para custear os estudos dos seus fillos e fillas. Para acceder ás axudas a renda familiar máxima non deberá superar os 18.000 euros de base liquidable/ano.
Para o cálculo da contía da bolsa nos estudos básicos nesta convocatoria valoraranse o número de membros que formen parte da unidade familiar -máis puntos canto maior sexa a unidade familiar-, mentres que na avaliación das bolsas para estudos postobrigatorios ademais da renda tamén se valorará o expediente académico do mozo ou moza para o que se solicite a axuda.O prazo para solicitar as bolsas para estudos remata o 15 de febreiro.
Axudas para familias usuarias da Escola Infantil
Por outra banda as axudas para servizos de conciliación volven ir dirixidas exclusivamente ás familias usuarias da Escola Infantil Municipal no curso 2015/2016. A partida total é de 8.000 euros e o acceso ás axudas está condicionado a que a renda familiar non supere os 25.000 euros de base liquidable.
A contía da bolsa poderá chegar ao 50% dos gastos xustificados cun importe máximo de 1.500 euros por fillo ou filla dependendo, iso si, do número de solicitudes admitidas. As valoracións faranse por nivel de renda segundo o cadro de tramos publicado nas bases -de novo a menor renda, máis puntuación- e tamén dependendo do importe total do servizo, é dicir, máis puntos canto maior sexa o gasto que soporte a familia.
Ás axudas da EIM poderán acollerse tanto as familias que teñan criaturas xa matriculadas no centro como aquelas ás que se lles confirme a admisión durante o periodo de solicitude da bolsa. Igual que no resto de axudas, o prazo para presentar as solicitudes tamén será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación das bases no BOP ou, dito doutro xeito, ata o 15 de febreiro.
A titular de Ensino, Sabela Íñiguez, destacou “o compromiso do Concello co apoio á educación e á conciliación” e asegurou que San Sadurniño “volve ser un dos municipios de Galicia que máis destina a este capítulo en relación co seu orzamento e a súa poboación”. A concelleira explicou, ademais, que neste ano se introduciron pequenas modificacións nas bases “para garantir que as axudas cheguen a máis familias”, de aí que ás bolsas tamén se poderán acoller nenos e nenas que van a centros de estudo en concellos limítrofes e que as bases incluísen o número de membros da unidade familiar como único criterio de valoración no caso dos estudos obrigatorios.