Investíronse cerca de 90.000 euros, procedentes integramente de fondos municipais
O Concello de San Sadurniño acaba de completar a reparación dun novo tramo viario da rede municipal, concretamente o que une os lugares da Veiga e do Castro, en Bardaos. A obra, adxudicada a primeiros deste ano á empresa José No Mantiñán e Hijos, abrangue un percorrido de 1,3 quilómetros, sobre os que se estendeu unha nova capa de firme aglomerado, previo acondicionamento da base e das cunetas. O investimento aproxímase aos 90.000 euros, procecentes dos remanentes de tesouraría de 2022, e supón unha nova mellora nun dos principais eixos de comunicación do concello.
A actuación centrouse no trazado que separa os cruzamentos da Veiga e do Castro, en Bardaos, moi danado nos últimos anos pola intensidade do tráfico que soporta, xa que é a principal vía de comunicación con Santa Mariña e tamén coa parroquia valdoviñesa de Vilaboa.
A obra consistiu, en primeiro lugar, nunha limpeza do antigo firme e no tapado de baches e outras irregularidades para, posteriormente, estender unha capa de aglomerado cun ancho medio de 5 metros que ofrecese mellor adherencia e maior resistencia ao desgaste, incluso o producido polo tránsito de maquinaria agroforestal.
Ademais, co obxectivo de que á pista non haxa que volver tocarlle en anos, tamén se fixo unha limpeza en profundidade das gabias laterais que garanta unha correcta evacuación da chuvia que, doutro modo, podería debilitar a base da nova estrada. Iso si, o proxecto incluiu a reposición das ramplas de acceso aos predios colindantes xunto coa instalación de tubaxes soterradas nos puntos en que fose necesario.
Case 90.000 euros de investimento
O aglomerado A Veiga – O Castro incluírase como previsión no Plan Complementario da Deputación de 2023, en espera de que por parte do ente supramunicipal se habilitase unha partida económica para levalo a cabo. Porén, finalmente o proxecto non se acolleu ao financiamento provincial e o Concello optou por sufragalo con fondos propios saídos dos remanentes cos que pechou a Conta Xeral de 2022. O investimento total ascendeu a 89.298 euros, IVE incluído, e o proxecto adxudicóuselle a principios deste ano á empres José No Mantiñán e Hijos.
Cómpre recordar que en 2021 o Concello xa reparara outros 3,2 quilómetros deste eixo -o traxecto entre Castrelo e A Veiga-, dentro dun plan a varios anos no que agora, unha vez rematado o anaco A Veiga – O Castro, só faltarían por aglomerar os cerca de 800 metros até a Bañoca “para completar a reparación integral do principal enlace interior entre Bardaos e Santa Mariña, que ademais conecta coa estrada de Ortigueira en San Ramón”, explica o alcalde, Secundino García. O rexedor anunciou que ese último tramo “tamén está previsto a medio prazo, ben con fondos doutras administracións ou, como ocorreu neste caso, con recursos municipais”.