· Esta actuación está integrada dentro do Plan de Saneamento do Concello de Bergondo.
· Os traballos supoñerán un investimento de case 94.000 euros.
Hoxe deron comezo as obras de mellora da rede de saneamento e abastecemento de augas en Tatín, na parroquia de Ouces. O Concello de Bergondo continúa así co desenvolvemento do seu plan de saneamento, que busca renovar gran parte do sistema actual.
Os traballos están a realizarse na zona de Tatín anexa á AC-162 e no proxecto contémplase a instalación dunha rede completamente nova de saneamento, a canalización para a iluminación pública e a renovación integral da rede de abastecemento.
Estas acometidas están orzadas en case 94.000 euros e son a continuación doutras obras de fases anteriores do Plan de Saneamento do Concello de Bergondo.
O goberno local subliña a importancia que “este tipo de infraestruturas básicas teñen para os veciños e veciñas”. Afirman que estas actuacións “melloran a calidade de vida dos e as residentes, xa que as novas tubaxes ofrecen un mellor servizo, con menos problemas na subministración e requiren un menor mantemento ao ser mellores materiais”.