Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ortigueira abre este xoves o prazo de preinscrición do ‘Almorzos na Escola’ para o curso 2024/25


• As familias interesadas poderán preinscribirse desde este xoves, 2 de maio, ata o vindeiro mércores día 15 a través do Rexistro do Concello ou da sede electrónica.

• Integrado dentro do programa ‘Conciliortigueira’, esta iniciativa ofrece unha solución ás familias que necesitan coordinar a vida laboral e familiar antes do inicio da xornada escolar.

O Concello de Ortigueira, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, abre mañá, xoves 2 de maio, o prazo de preinscrición no servizo de ‘Almorzos na Escola’ para o próximo curso escolar 2024/25.
Esta iniciativa, integrada dentro do programa municipal de conciliación ‘Conciliortigueira’, ofrece unha solución a aquelas familias que necesitan coordinar a vida familiar e laboral, ocupándose dos e as menores en horario de 7:30 a 9:30 horas, previo ao comezo da xornada escolar.
As familias que estean interesadas neste servizo deberán facer unha preinscrición no Rexistro do Concello ou na sede electrónica desde este xoves, 2 de maio, ata o día 15 do mesmo mes.
Desta forma, o alumnado do CEIP José María Lage, ademais de poder almorzar no propio centro, aprenderá sobre hábitos de alimentación saudable e participará en actividades de fomento e a educación en igualdade.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, ofértanse tres modalidades diferentes do servizo: a diario con xantar; a diario sen xantar; ou días soltos con xantar.
Pódese obter máis información no Centro de Información á Muller (CIM) de Ortigueira, no Centro Social ou no teléfono 981 402 542.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Elisa Dorna, subliña a importancia dunha actividade “altamente demandada e valorada polas familias de Ortigueira”.
“Almorzos na Escola’, ademais de ofrecer unha solución a aqueles pais e nais que non teñen todo o tempo que quererían para ocuparse dos seus fillos polas mañás, dá aos nenos e nenas a posibilidade de aprender sobre alimentación saudable e igualdade mentres se divirten e interactúan os uns cos outros”, afirma Dorna.

CONCILIORTIGUEIRA
O programa ‘Conciliortigueira’, que está cofinanciado entre o Concello de Ortigueira e a Consellería de Política Social e Promoción dá Igualdade, non soamente ofrece este servizo de xantar durante o período lectivo. A actividade ‘Sen Cole non Cole’ tamén se integra dentro desta iniciativa e ofrece un servizo de conciliación laboral e familiar durante os períodos non lectivos como o Nadal ou a Semana Santa.