— O realizador catalán José Luis Guerin presentará o venres na cinemateca da Xunta a restauración da súa película ‘Tren de sombras’ na recta final do ciclo ‘Cine rexistro vivo da nosa memoria’
— Neste mes tamén arranca un especial dedicado ao o profesor e guionista galego Daniel Domínguez e proxéctanse tres dos títulos do director francés Jacques Rivette coa actriz Bulle Ogier
— Esta semana remata a programación dedicada á Revolución dos Caraveis cos filmes ‘A fuga’ e ‘Acto dos feitos da Guiné’
A Filmoteca de Galicia arranca a programación de maio na sala José Sellier da Coruña con varias citas destacadas que inclúen o inicio dunha retrospectiva sobre o cineasta xaponés Yasujirō Ozu, a visita do realizador catalán José Luis Guerin e o peche do ciclo dedicado ao 50º aniversario da Revolución dos Caraveis.
A cinemateca da Xunta desenvolverá a partir deste mesmo sábado un percorrido pola filmografía de Yasujirō Ozu (1903-1963), un dos directores máis influentes do cinema contemporáneo como se deixa notar, por exemplo, nas películas do finlandés Aki Kaurismäki, quen vén de ser obxecto dunha ampla revisión por parte da Filmoteca galega. Entre maio e xuño, exhibiranse na Coruña as súas obras de posguerra (1947-1962), a etapa máis coñecida do director nipón, comezando por Historia de un vecindario, que poderá verse os vindeiros días 4 e 7. Seguiranlle Primavera tardía (días 9 e 14), Principios de verano (días 23 e 25), Las hermanas Munekata (día 28) e Cuentos de Tokio (días 29 e 30).
Tamén esta semana, despídese o ciclo 50 anos do 25 de Abril con dúas longametraxes restauradas recentemente pola Cinemateca Portuguesa. Mañá xoves proxectarase A fuga, de Luis Filipe Rocha, centrada na fuxida do líder comunista António Dias Lourenço do cárcere de Peniche. O venres será a quenda de Acto dos feitos da Guiné, de Fernando Matos Silva, que aborda a cuestión colonial, esencial na revolución portuguesa.
Nova visita de Guerin
Nestes días remata así mesmo Cine, rexistro vivo da nosa memoria, que vén amosando varios títulos representativos do traballo de recuperación e conservación das filmotecas. O penúltimo deles será Tren de sombras (El espectro de Le Thuit), de José Luis Guerin, do que se exhibirá unha copia restaurada pola Filmoteca de Catalunya. Con tal motivo, o cineasta volverá visitar a sede da cinemateca, desta volta grazas á colaboración do festival Seminci de Valladolid e a sala Numax de Santiago de Compostela. O ciclo concluirá o 7 de maio con Garras humanas, un filme mudo de Tod Browning, que chega a Galicia nunha copia restaurada pola prestixiosa George Eastman House.
A posta en valor dos fondos fílmicos é tamén o obxectivo da sección Materiais para unha historia do cinema en Galicia, que regresa o 24 de maio cunha nova sesión dedicada a José Ernesto Díaz-Noriega e ás restauracións de Sever odnum e Al-Nasr Al Tair, coordinadas por Carolina Cappa e realizadas desde a Elías Querejeta Zine Eskola coa colaboración da Filmoteca Española e da Filmoteca de Galicia. O 30 de maio preséntanse dúas novas dixitalizacións levadas a cabo pola cinemateca da Xunta, as dos filmes de José Gil Galicia y Buenos Aires e Nuestras fiestas de allá, mostras do xénero chamado “cinema de correspondencia” nas que se recollen imaxes de festas populares en distintas comarcas galegas para seren exhibidas entre a emigración de Arxentina e Uruguai.
Homenaxe ao profesor de cine Daniel Domínguez
Baixo o título Daniel Domínguez no cine, este mes arranca un novo ciclo que lle rende homenaxe ao traballo deste profesor de cine e guionista galego, falecido en 2020. A primeira sesión, de balde, terá lugar o venres 10 coa presentación do libro Las costuras del guion e a proxección da película de Fritz Lang Los contrabandistas de Moonfleet. Con edición a cargo de Pepe Coira, a publicación recompila varias das entradas do blog de Domínguez, La escuela de los domingos, que tamén serve de base á programación que lle dedica a Filmoteca, pensada como unha sorte de “carta branca” con algúns das sús películas favoritas. É o caso de Cuentos de la luna pálida, de Kenji Mizoguchi (días 18 e 21), La venganza de una mujer, de Rita Azevedo Gomes (días 22 e 23) ou ¡Qué verde era mi valle!, de John Ford (días 28 e 29).
O especial, que continúa en xuño, complétase cunha selección dos traballos de Domínguez. O 16 de maio poderá verse a única curta que dirixiu, Río de sombras, así como un episodio da serie Terra de Miranda e o filme Blanca Madison, dos que foi guionista.
En maio, o público poderá gozar ademais de tres dos títulos do tándem artístico que formaron o cineasta francés Jacques Rivette e a súa musa, Bulle Ogier. A actriz francesa, memoria viva do cine de autor das últimas cinco décadas, fixo sete películas con Rivette, participando na escritura de dúas delas. O día 8 proxéctase L’amour fou, que destaca pola súa mestura de cine con teatro, a improvisación actoral e a súa metraxe de catro horas. Xa o 15 de maio exhibirase Los locos viajes de Céline y Julie e, con dobre sesión, os días 21 e 22 de maio será a quenda de Le pont du nord.
Na programación mensual da sala José Sellier inclúense outras fitas como Fuego Fatuo, de João Pedro Rodrigues (mañá día 2); a peza Só hai horizonte, onde Juan Vara e Manuel del Río aglutinan música, cinematografía e poesía (días 9 e 10); El río, de Jean Renoir, dentro de Filmoteca Jr. (día 11); e O auto das ánimas, de Pablo Lago Dantas (día 14).