— Lembra que a Xunta permitirá que as mulleres poidan conxelar os seus óvulos na sanidade pública sen necesidade de ter unha patoloxía previa
— O Goberno galego ampliará ata os 45 anos a idade máxima para poder someterse a un tratamento de reprodución asistida e eliminará o límite dun único fillo para poder acceder a estas terapias
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta que está a realizar o Goberno galego polo fomento da natalidade ao investir 1,3 millóns de euros na mellora e ampliación de espazos e recursos nas tres Unidades de Reprodución Asistida do Sergas. Un investimento “necesario para que estas unidades sigan traballando coa óptima tecnoloxía e que poidan seguir mellorando o seu traballo e os seus éxitos”, apuntou.
Así se referiu durante a visita á unidade da Coruña, situada no Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera, que xunto coa de Santiago e a de Vigo conforman espazos de referencia para os demais hospitais. “É bo que se saiba que dentro da excelente carteira de servizos que ten a sanidade pública en Galicia temos servizos de primeirísimo nivel como este que hoxe visitamos”, indicou, ao mesmo tempo que fixo referencia a que o primeiro bebé nacido mediante fecundación in vitro no Sergas foi no complexo coruñés hai 34 anos.
Neste sentido, o presidente do Goberno galego indicou que, dos máis de 1,3 M€, xa foi licitado o primeiro dos expedientes –por un importe de máis de 755.600 euros– para a adquisición de tanques de crioconservación para a conxelación de oocitos. Unha ferramenta que, tal e como apuntou, suporá unha novidade importante xa que ata o de agora as pacientes tiñan que ser derivadas a centros privados con cargo ao Sergas.
Así mesmo, tamén se adquirirán, entre outras, tres incubadoras time-lapse, que contan cunha cámara para evitar extraer os embrións para ser analizados, co conseguinte estrés que sofren, polo tanto, o proceso aumenta as súas probabilidades de éxito.
Rueda lembrou que a Xunta permitirá que as mulleres poidan conxelar os seus óvulos na sanidade pública sen necesidade de ter unha patoloxía previa. Ata o de agora, só están en carteira as mulleres que se van someter a un tratamento oncolóxico, pero o compromiso do Goberno galego é ampliar este servizo a mulleres con capacidade de xestación con patoloxías como a endometriose ou outras cirurxías con risco acreditado de perda de fertilidade, así como a mulleres de 30 a 35 anos sen problemas de fertilidade e que desexen atrasar o momento da súa maternidade.
Ademais, tal e como apuntou, o Goberno galego vai ampliar ata os 45 anos a idade máxima para poder someterse a un tratamento de reprodución asistida e eliminará o límite dun único fillo para poder acceder a estas terapias.
“Queremos amplialo, queremos dar a posibilidade a que máis mulleres e máis parellas poidan ter fillos e fillas que así o desexan ou cando non poden, que poidan ter máis tempo para intentalo e máis posibilidades”, asegurou.
Espazos máis completos
A este respecto, o seguinte paso a dar nas tres unidades de reprodución do Sergas será a licitación por valor de 559.000 euros para a renovación de seis ecógrafos que contribúen a mellorar o prognóstico e o seguimento de estudos ecográficos.
O obxectivo do Sergas pretende aumentar a capacidade destes servizos, que en 2023 realizaron 599 criotransferencias (implantacións de óvulos previamente conxelados), 984 puncións para fecundacións in vitro e 1.318 inseminacións artificiais.