Saturday 23 de November de 2024

Neda logra o apoio da Deputación para reabrir na temporada alta a súa oficina de turismo


Neda contará co apoio da Deputación da Coruña para reactivar durante a tempada alta a súa oficina municipal de turismo, situada no albergue de peregrinos. A entidade supramunicipal vén de conceder á localidade preto de 13.000 euros con esta finalidade.

O Concello contará cunha subvención provincial no marco da convocatoria para concellos ou agrupacións de concellos de menos de 50.000 habitantes. Neda será un dos 48 municipios beneficiarios desta liña de axudas, recibindo un total de 12.937 euros para colaborar no financiamento de “servizos profesionais independentes para a oficina de información turística”.

Este servizo xogará un papel importante de cara á captación de visitantes e, sobre todo, á hora de mellorar a información en destino, é dicir, para favorecer que a xente que chega a Neda aproveite ao máximo o seu paso ou a súa estancia na vila. Será crucial a información sobre lugares e recursos de interese turístico, información sobre hostalería e aloxamentos…

O Concello de Neda terá en marcha o servizo no tempo no que se intensifica a afluencia de peregrinos do Camiño Inglés a Compostela, un goteo de romeiros que xa é constante nas últimas semanas polas rúas do municipio.