No Pleno Ordinario do 29 de abril o alcalde Luís Pérez dou lectura a unha declaración institucional acordada por tódolos grupos municipais para que Ribeira conte coa autorización para poder realizar os exames de conducir no propio termo municipal, que será enviada ás autoridades competentes. “A pesar de que Ribeira conta con máis de 26.000 habitantes, esta proba non pode realizarse no Concello. Esta circunstancia supón que o alumno ou alumna debe perder máis tempo -toda unha mañá ou toda unha tarde- para poder realizar prácticas en Santiago de Compostela onde será examinado ou examinada.” A declaración tamén destaca o feito de que as autoescolas deben asumir un custo maior que outras para poder formar ao alumnado ao teren que desprazarse até a capital de Galicia.
Ordenanza Reguladora do Servizo de Taxi
O Pleno aprobou a consulta pública da Ordenanza Reguladora do Servizo de Taxi da Cidade de Ribeira. Membros do equipo de goberno municipal reunironse previamente con representantes dos taxistas para chegar a un acordo sobre a nova ordenanza, que inclúe a regulación da contratación do transporte por praza con pagamento individual; así como a posibilidade de elixir entre os dous primeiros taxis da fila. Neste senso, o alcalde agradeceu ao colectivo dos taxistas as súas achegas e suxestións na preparación do documento previo ao período de exposición pública.
Segundo explicou o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, a proposta vén a cumprir un requisito legal e supón a profesionalización do servizo. Suárez-Puerta destacou algúns puntos como a “obriga de que os vehículos non teñan máis de 12 anos de antigüidade dende a data de matriculación, a incorporación do taxímetro obrigatorio, o cobro telemático, ou a posibilidade de instalar biombos separativos para incrementar a seguridade”.
O Concello porá a disposición da Consellería de Educación unha parcela municipal para facer fronte ás carencias de espazo do CEIP O Grupo
O Concello porá a disposición da Consellería de Educación o edificio da antiga Comisaría de Policía para que a administración autonómica leve a cabo as obras necesarias para destinalo a uso educativo. A concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, destacou as “carencias de espazo que ten o CEIP O Grupo e polo que instou á Xunta a facer obras de rehabilitación necesarias”. Segundo explicou, o Concello solicitou unha entrevista co conselleiro co propósito de que Educación leve a cabo as obras “na maior brevidade de tempo”. Rivadulla destacou a necesidade de realizar investimentos para mellorar as infraestruturas que lle corresponde facer á consellería en tódolos colexios do Concello, así como a necesidade atender ás necesidades do profesorado para facer fronte á “diversidade e ao alumnado con necesidades especiais”.
Noutro punto, o Pleno aprobou a expropiación de terreos para a execución do proxecto de acondicionamento do sendeiro do Rego Pedrín e a rectificación do inventario municipal. En relación ao último, a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, destacou a inclusión de propiedades que se adquiriron “grazas a operacións de endebedamento que deben pagar tódolos ribeirense”.
Tamén se aprobou o convenio de colaboración entre os Concellos de Ribeira e Porto do Son para a execución do Obradoiro de Emprego Tahúme X e a solicitude conxunta dunha axuda para o seu financiamento.
No Obradoiro impartiranse as especialidades de “Traballos de carpintería e moble e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes” segundo explicou a concelleira de Emprego Veva Betanzos “co obxectivo de promover a formación destes oficios ao tempo que xa se emprega ao alumnado e realiza obras necesarias para os dous municipios como rozas e mantemento de camiños e paseos”. Pola súa parte, a concelleira Herminia Pouso destacou a importancia de “axudar a formar á veciñanza nestes ámbitos tan demandados co propósito de que se incorporen ao mercado laboral”.
O Pleno aprobou a proposición presentada polo PP para poñer en marcha un proxecto que contemple a creación de Columbarios nos cemiterios municipais de Ribeira e Palmeira.
Por último, o goberno municipal aprobou unha enmenda de substitución á proposición Popular sobre a posta en marcha de infraestruturas no municipio. O Concello comprométese a seguir impulsando a posta en marcha de todas as infraestruturas que precisa o municipio e solicita á Xunta de Galicia unha previsión de prazos das obras que a administración autonómica ten comprometidas en Ribeira tales como a residencia pública de maiores das Saíñas ou a escola infantil para Aguiño.