Friday 22 de November de 2024

Mato avanza que o seu departamento está a elaborar a primera Estratexia ambiental de Galicia


A conselleira de Medio Ambiente destaca que a Xunta traballa xa nun borrador que sentará as bases para definir a primeira Estratexia medioambiental da Xunta, como mostra do compromiso do Goberno galego pola sostibilidade ambiental

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta maña que a Xunta está a elaborar a primeira Estratexia ambiental de Galicia, froito do compromiso pola sostibilidade ambiental do actual Goberno galego. Así o puxo de manifesto durante a súa intervención a petición propia no Pleno do Parlamento, onde aclarou que se trata dun borrador que sentará as bases para definir a estratexia na que se identifiquen cales son os retos aos que se enfronta Galicia e na que tamén se identifiquen as oportunidades que poden xurdir na Comunidade nos diferentes sectores estratéxicos.

A conselleira de Medio Ambiente apostou por converter a Galicia nunha rexión recoñecida a nivel internacional, non só polos seus recursos, senón tamén pola loita a prol dos desafíos ambientais globais e pola protección dos recursos naturais para as xeracións actuais e vindeiras; compromiso que estará acompañado pola eficiencia, a organización, a responsabilidade e a transversalidade.

Manifestou que para contar cunha diagnose realista da situación en Galicia, dende o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia traballase nun novo informe sobre o cambio climático, no que se analizarán todos os factores que influíron neste eido en Galicia. “A previsión é contar co mesmo antes de que remate o primeiro trimestre, polo que xa se está a recompilar a información”, e aclarou que o novo informe recollerá os progresos acadados nos últimos catro anos na loita pola redución dos gases á atmosfera, que producen o chamado efecto invernadoiro e que é a principal causa do aumento das temperaturas.

Lei do solo
A conselleira de Medio Ambiente tamén fixo referencia a “un dos marcos normativos máis importantes desta lexislatura en materia de urbanismo”, a nova Lei do solo; unha normativa que supón culminar un proceso moi longo e que sentará as bases para un urbanismo sostible e responsable.

En breve, Galicia contará cunha lei “de gran envergadura”, concibida para ser unha norma que dea resposta ás necesidades actuais de ordenación, de desenvolvemento rural e de protección da paisaxe. Incidiu en que esta é unha lei que prima ante todo o interese xeral, reforza a obriga de rematar exteriormente as construcións e fomenta a recuperación do xa construído fronte as novas estruturas.

Explicou que as previsións son que remate o seu proceso parlamentario no próximo pleno, pero isto non significa que o traballo remate aquí, agora estase a traballar no regulamento da Lei que permitirá trazar cuestións de desenvolvemento da nova norma que inciden directamente na aplicación práctica da Lei.

Beatriz Mato aclarou que xuntar os conceptos de territorio e medio ambiente nun mesmo contexto implicar falar de conservación da paisaxe galega; ao que engadiu que forma parte do que somos, do presente, pero tamén é moi importante que forme parte do futuro; polo que é imprescindible protexela, conservala e darlle a importancia que se merece. “Un traballo no que estamos implicados todos, non só as administracións públicas; entidades que debe poñer o marco axeitado para que isto se cumpra”, matizou.

Neste sentido, recordou que xa se ten posto en marcha a Estratexia da Paisaxe Galega 2014-2016, onde destaca a elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia, unha ferramenta que porá en valor as paisaxes máis relevantes da Comunidade e que tamén será a folla de ruta para a protección e xestión do territorio galego.

Recordou que, tal e como se comprometera o actual Goberno, esta mesma semana presentaráselles a un grupo de expertos- cos que se vén traballando dende o comezo- un borrador do primeiro Catálogo das paisaxes galegas, no que se determinan 207 áreas de especial interese, ben polo seu valor natural ou ecolóxico, cultural ou patrimonial ou estético e panorámico.

A conselleira tamén anunciou esta mañá que o departamento que dirixe traballa na creación da Rede galega de Parques Naturais, para potenciar a calidade destes espazos. Beatriz Mato destacou que preservar e conservar estes espazos é unha prioridade irrenunciable para o actual Goberno; e explicou que a conservación é compatible coas visitas aos parques, sempre que se faga de xeito ordenado e poñendo a conservación como primeiro obxectivo; pero é “absolutamente imprescindible que os sete parques funcionen dun xeito coordinado, aproveitando as sinerxías e traballando baixo unha planificación común, ao tempo que se deben respectar as peculiaridades de cada un deles.

Nese sentido, apostou por promocionar estes espazos de xeito conxunto, para o que se creará un programa de traballo en rede vinculado con servizos turísticos e actividades nos propios parques e na súa contorna. Engadiu que a importancia destes parques queda plasmada no número de visitantes, que ao cabo do ano aproxímase ás 600.000 persoas.

Na súa intervención, a conselleira indicou que as accións respectuosas co medio ambiente deberán pasar por unha política activa e responsable de residuos e que neste ano se dará un paso moi importante coa posta en marcha do Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia, que está exposto a información pública para que todos os axentes poidan realizar as alegacións que estimen oportunas.

Entre os seus obxectivos están implicar a todos os produtores e consumidores na prevención de residuos, fomentar a máxima recuperación minimizando a eliminación e reducindo a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.

Plan hidrolóxico
A conselleira de Medio Ambiente destacou que para facer de Galicia un referente na conciencia medioambiental tamén se debe acompañar dun traballo continuo de mellora dos recursos hídricos da nosa Comunidade.

Salientou os avances acadados, xa que nos últimos anos a porcentaxe de augas en bo estado na Demarcación Galicia-Costa ascenderon dun 70,6% ao 77,5% actual. Para acadar o 100% en Galicia contase cun novo Plan Hidrolóxico que se prolongará ata 2021 e que vai contar cun orzamento global de 655 millóns e dos que a Xunta de Galicia aportará un 65%, é dicir, 423 millóns de euros.

Para rematar, a conselleira salientou o traballo e o esforzo da Xunta para consolidar a Galicia como un referente de conciencia e respecto polo medio ambiente e incidiu na necesidade de contar coa implicación de toda a sociedade para acadar todos e cada un dos retos que a Comunidade galega ten en materia de ordenación do territorio e protección e conservación do medio ambiente.