A valorización da fachada marítima da Ribeiriña e a recuperación dun espazo natural para desfrute da veciñanza. Con esta idea, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico iniciou na primavera do pasado ano unha intervención nos terreos de dominio público marítimo-terrestre cuxa concesión se lles outorgara, na época correspondente, ás fábricas La Onza de Oro e Hadasa.
O resultado son aproximadamente 5.500 metros cadrados integrados na paisaxe coa supresión daqueles elementos con impacto visual negativo: demolición da explanada, coieiras e ramplas. Optouse, ademais, por outorgarlle valor engadido cunha senda litoral para percorrer esta contorna natural.
Para iso, investíronse 800.000 euros procedentes dos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal; a concelleira das Obras, Patricia Lojo; e o edil da Facenda, Eloy Sobrido, acompañaron ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e ao xefe da Demarcación de Costas, Carlos Gil, para comprobar o resultado.
Pedro Blanco precisou que a este investimento de 800.000 euros se suman os máis de 400.000 euros destinados con anterioridade no paseo dos Areos, elevando a cifra aos 1’2 millóns de euros para o litoral pobrense. Uns proxectos que van máis alá da recuperación do litoral, como a extensión de banda ancha ou cambio de alumeado, e que se traducen en máis de 5 millóns de euros. A estes, hai que engadir outros plans a nivel comarcal en materia turística. “Seguiremos traballando para que A Pobra estea onde lle corresponda: ser un dos concellos máis importantes desta comarca como destino turístico”, concluíu.
Pola súa parte, o rexedor indicou que esta acción, ademais de crear unha zona de lecer para a cidadanía, tamén posibilitou a recuperación de parte da praia que permanecera oculta ata o de agora polo recheo que se fixera no seu día para a actividade das factorías. “Contamos agora cunha ampla superficie para pasear a carón do mar e agardamos que nun futuro se poida incrementar”, apuntou. Con relación a isto, referiuse a que a Administración local opta polo derribo da estrutura de Hadasa, polo que se continúa traballando ao respecto, se ben é complexo debido ás circunstancias desta propiedade privada. Vidal engadiu que, á actuación executada polo Goberno central, se suman outras promovidas polo Concello para a revitalización da Ribeiriña como, por exemplo, o acondicionamento da contorna do centro sociocultural, por un importe de 47.314 euros, pero tamén dotando ao rural de iniciativas como o xardín veciñal ou clases de distinta natureza. “Pequenas accións que, xuntas, buscan un gran cambio”, remarcou.
Deseguido, desprazáronse ao consistorio, onde o delegado do Goberno tivo ocasión de asinar no libro de honra do Concello e recibiu unha dorna de cerámica como obsequio institucional. Mantívose, así mesmo, unha reunión de traballo centrada no patrimonio local.