Este luns comeza a aplicarse acetamiprid nos exemplares existentes nos xardíns de Méndez Núñez, a rúa Santa Lucía, cemiterio de Santo Amaro, As Atochas e o carreiro da Estacada
O procedemento repetirase no mes de xuño, co obxectivo de salvagardar as palmeiras durante o verán, período de máis actividade do picudo vermello
O Concello da Coruña activou este luns o novo protocolo de actuación para limitar o impacto do picudo vermello nos palmeirais da cidade, unha iniciativa coa que o Goberno municipal busca salvagardar os exemplares existentes fronte ás pragas deste insecto, unha especie invasora orixinaria da Asia tropical.
O tratamento que comezou a aplicarse hoxe, de carácter preventivo, levarase a cabo, nesta primeira quenda, nun total de 85 palmeiras, repartidas entre os xardíns de Méndez Núñez (70), a contorna das rúas Santa Lucía e Cabana (8), o cemiterio de Santo Amaro (4), As Atochas (2) e tamén no exemplar situado no acceso ao carreiro da Estacada.
O plan de traballo establecido polo Concello establece que estas 85 palmeiras recibirán un tratamento fitosanitario con acetamiprid, con dúas liñas de acción: a primeira, a inxección do líquido no tronco das palmeiras, a aproximadamente dous metros por debaixo da balona; e a segunda, xa dentro de 15 días, cunha ‘ducha’ non presurizada de acetamiprid sobre o ollo das palmeiras, unha medida clave á hora de acometer a súa protección, por ser o corazón da planta.
Este procedemento repetirase novamente ao comezo da tempada estival, no mes de xuño, co obxectivo de protexer as palmeiras ao longo do verán, o período no que máis se incrementa a actividade do picudo vermello.
O Concello leva tratando as palmeiras da cidade desde o ano 2017, cando se detectou a presenza do picudo por primeira vez. A plaga está a afectar a palmeiras de toda España e é preciso tratalos para evitar a súa transmisión. Asemade, o Concello insta aos particulares con palmeiras afectadas a actuar de xeito inmediato, ben con tratamentos, ben procedendo á súa tala, únicos métodos para evitar a propagación do picudo.
O tratamento do acetamiprid aplicarase agora por primeira vez na Coruña, na busca de contar cun fitosanitario máis efectivo que os que se viñan aplicando ata o momento, ten carácter preventivo e serve tamén para eliminar os insectos cando xa están presentes nas palmeiras.