O concelleiro Gonzalo Castro destacou a importancia deste evento para “manter moi viva a lingua entre as próximas xeracións”
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, e rsponsable de Cultura, Gonzalo Castro, presentou esta mañá no Palacio Municipal de María Pita a XXIV edición do Correlingua, que terá lugar este vindeiro venres 3 de maio a partir das 11.00 horas. O evento reunirá a máis dun milleiro de alumnos e alumnas de 17 centros de toda a comarca da Coruña.
“Esta iniciativa ten unha grande importancia para o Goberno de Inés Rey pois permite manter moi viva a lingua galega entre as próximas xeracións, que gozan cada ano dunha xornada festiva que todos os nenos e nenas agardan con entusiasmo”, indicou Gonzalo Castro durante a rolda de prensa, na que tamén estiveron Celia Armas, responsable provincial da Asociación Correlingua, e Suso Bermello, representante de CIG Ensino, que xunto á Mesa pola Normalización Lingüística organizan este evento.
A xornada comezará o venres ás 11.00 horas desde a explanada do Palacio dos Deportes de Riazor. As e os participantes percorrerán o paseo marítimo ata chegar á Torre de Hércules, aproximadamente ás 12.30 horas. Haberá un escenario xunto á estatua de Breogán, onde se celebrará unha festa final na que participará a alcaldesa, Inés Rey, e haberá actuacións musicais e entrega de premios á mellor pancarta.
O XXIV Correlingua leva por lema ‘Dende aquí até acolá, galego xa!’ e conta cun cartel realizado pola ilustradora Xulia Pisón. O obxectivo desta xornada é o fomento do uso da lingua galega entre as xeracións máis novas, algo que se estende ao resto do ano con diferentes iniciativas levadas a cabo nos centros de ensino, como o Cantalingua, concurso de onde saen as formacións musicais que actuarán este venres na Torre.
Gonzalo Castro remarcou o compromiso do Goberno de Inés Rey co fomento do uso do galego na cidade, destacando a importancia de crear unha programación cultural plural e cun forte compoñente galego, así como en cuestións administrativas como a aprobación da ordenanza de uso do galego no Concello.