Friday 22 de November de 2024

Laxe recoñece ás persoas máis lectoras da súa biblioteca municipal


• As galardoadas foron Sara Khaled Danais na categoría infantil – xuvenil e María Isabel Martín Campo na categoría de adultos

• Todo isto transcorreu nunha xornada festiva que contou coa actuación da obra ‘A libraría Máxica’, de Inventi Teatro

O Concello de Laxe quixo premiar aos mellores lectores da biblioteca municipal Antón Zapata durante o ano 2023, recoñecendo así ás persoas usuarias que máis utilizaron o servizo de préstamo de libros ao longo do ano.

Nesta ocasión, as persoas gañadoras foron Sara Khaled Danais na categoría infantil -xuvenil, e María Isabel Martín Campo na categoría de adultos. A concelleira de Cultura, Raquel Lema Allo, entregoulle o premio á gañadora infantil – xuvenil, que consistiu nun diploma e nun lote de libros dos seus gustos persoais. O agasallo da categoría de adultos, que tamén consta dun diploma e un lote de libros, entregarase máis adiante, posto que a persoa gañadora non puido recoller o premio no día de onte.

O acto de entrega, celebrado no salón cultural, estaba enmarcado dentro da programación das actividades promovidas polo Concello en conmemoración do Día Mundial do Libro, que contou coa fabulosa actuación da obra ‘A libraría máxica’, a cargo da compañía Inventi Teatro.

Desde o Concello de Laxe consideran que “promover a lectura, especialmente a idades temperás, é unha prioridade, por iso queremos fortalecer o servizo de préstamo de libros da biblioteca municipal grazas a este tipo de iniciativas”.