Friday 22 de November de 2024

Comeza outra edición do ciclo de sesións didácticas da Escola Municipal de Música nos centros educativos da cidade


As sesións didácticas seguirán nos vindeiros días

Este martes deu comezo o 6º ciclo de sesións didácticas que a Escola Municipal de Música vén realizando nos centros de ensino de Compostela. Son arredor de 30 sesións didácticas que teñen como obxectivo promover o achegamento da música aos máis pequenos na rede de centros educativos de Compostela. O ciclo está destinado ao alumnado do 3º ciclo de primaria e aos alumnos das escolas infantís do municipio.

En cada xornada, dous músicos da EMM visitan os centros educativos, presentan os instrumentos (clarinete e saxofón, clarinete e frauta traveseira, violín e violoncello, viola e contrabaixo ou trombón e trompeta), describen as súas características e posibilidades melódicas e explican as diferentes formas musicais de interpretación. Os músicos interpretan ao tempo diferentes pezas musicais.

A sesión, duns 50 minutos aproximadamente, consiste na visita de dous músicos aos centros educativos participantes, onde se traballan os seguintes aspectos: sesión explicativa sobre a orixe e evolución dos instrumentos elixidos, xogos arredor do instrumento e un pequeno concerto para finalizar a sesión.

Os músicos participantes son: Pablo Pascual e Óscar Fernández ao clarinete e saxofón; Rafael Espido e Rocío Balboa ao clarinete e frauta traveseira; Loida Díaz e Guillermo Alzugaray ao violín e violoncello; Mario Diz e Pilar López, á viola e contrabaixo; e Víctor Collazo e Fernando Rey ao trombón e trompeta.

Colexios participantes
Este martes 29 de xaneiro participaron destas actividades da Escola Municipal de Música os seguintes centros: López Ferreiro, Santa Apolonia, Apóstolo Santiago, Arquitecto Casas Novoa e Monte dos Postes.

Os centros de ensino da cidade de educación infantil e primaria que queiran contar con algunha destas sesións didácticas poden poñerse en contacto no seguinte enderezo: Escola Municipal de Música, rúa Proxecto Vagalume, 2 – A Almáciga. Tamén o poden facer no teléfono 981 528 701 ou info@esmucompostela.es

Tamén é posible adherirse a este programa poñéndose en contacto co Departamento de Educación e Cidadanía, no edificio Cersia, rúa do Alcalde Raimundo López Pol, ademais de no teléfono 981 554 400/401 ou no enderezo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.org.