Friday 22 de November de 2024

A cestaría marca o inicio dos obradoiros de artesanía na Pobra


Cestaría, macramé, cerámica, madeira e xabóns son os obradoiros de artesanía Feito coas túas mans que se imparten na Pobra do Caramiñal dende a Concellaría da Participación Veciñal na determinación de seguir dinamizando o rural levando actividades aos centros socioculturais para convertelos en punto de encontro da veciñanza do lugar.

O programa iniciouse no día 27 con cestaría no Campiño, da man de La Parabólica, cunha decena de asistentes. Continuará o sábado 4 de maio. Tamén esta disciplina chegará á Ribeiriña, a cargo de Capixuta, aos sábados 18 e 25 de maio. En ámbolos casos, o horario é das 16.00 ás 20.00 horas.

Aprenderase sobre macramé con Noites de Datura, no Camiño Ancho, aos mércores do mes de xuño, dende as 18.00 ata as 20.00 horas.

A cerámica estará impartida por Raposiñas, no muíño da Ponte Barbanza, durante os mércores do mes de setembro, das 18.00 ás 20.00 horas.

Traballarase a madeira con SonAgasallo, en Santo Isidro, aos mércores do mes de outubro, no horario das 18.00 ás 20.00 horas.

E Flow de Meiga ensinará a facer xabóns, na Angustia. Terá lugar aos mércores do mes de novembro, dende as 18.00 ata as 20.00 horas.

A totalidade das prazas están cubertas, se ben as persoas interesadas se poden seguir anotando para, de producirse baixas, botar man da listaxe de agarda. O trámite formalizarase a través do enderezo electrónico participacionvecinhal@gmail.com, proporcionando os seguintes datos: o nome, os apelidos, o DNI, o teléfono de contacto e o/s taller/es no/s cales lles gustaría participar.