Friday 22 de November de 2024

Máis de 1.200 fotógrafos e fotógrafas participaron nas 26 edicións do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís


Entregados a Mónica Vila Ferreirós, Antonio Gutiérrez Pereira, José Manuel Pérez Pena e Mª Goretty Vázquez Rodríguez os premios da edición 26ª

Mónica Vila Ferreirós, Antonio Gutiérrez Pereira, José Manuel Pérez Pena e Mª Goretty Vázquez Rodríguez súmanse aos máis de 1.200 fotógrafos e fotógrafas que participaron no Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís ao longo das súas 26 edicións. As súas obras foron as galardoadas este ano, polo que pasan a formar parte dunha colección integrada xa por 109 fotografías de temas, estilos e autorías moi diversos.

O xurado desta 26ª edición tivo a responsabilidade e a dificultade de escoller entre 134 obras de 59 fotógrafos e fotógrafas de toda España, aínda que, casualmente, as/os catro premiadas/os son galegas e galegos. Pero ao longo da historia do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís levamos recibido un total de 3.500 obras, e todas e cada unha delas constitúen unha homenaxe a Xosé Manuel Eirís, que foi animador cultural do Concello de Carballo, un destacado músico e gran afeccionado á fotografía.

Nunha data tan simbólica como o 25 de abril, co convite do alcalde a “abrir a ventá para que a lembranza de Xosé Manuel penetre nos nosos fogares”, o propio Evencio Ferrero; o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo; Mónica Liñares, de Interfilm Carballo, e Feliciano Eirís, en representación da familia do homenaxeado, entregaron os premios nun acto ben fermoso e emotivo, do que podedes ver un resumo neste vídeo.