Saturday 16 de November de 2024

A Xunta apoia o achegamento dos máis pequenos ao oficio da xoiería mediante o Certame ‘Deseña unha xoia para a túa nai’


— O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, asistiu hoxe á cerimonia de entrega de premios deste concurso infantil impulsado polo Colexio Oficial de Xoiería

— Entregáronse 12 galardóns -de entre os 80 finalistas seleccionados- que verán executados os seus deseños para agasallar no Día da Nai grazas ao traballo de xoieiros galegos, entre os que se atopan seis obradoiros de Artesanía de Galicia

 

O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, acompañado da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e da xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe en Santiago de Compostela na cerimonia de entrega de premios do concurso infantil Deseña unha xoia para a túa nai, que impulsa o Colexio Oficial de Xoiería de Galicia (Coxga) dende o ano 2010. O obxectivo do certame é animar os escolares de toda Galicia a introducirse no mundo do deseño de xoias e achegarse así a unha profesión de grande arraigamento na nosa Comunidade, que combina tradición e innovación.
Os escolares participantes -diferenciados en categorías por idades, de 0 a 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10 anos e de 11 a 12 anos- debuxaron a xoia que lles gustaría regalar a súa nai e que se fará realidade no caso das 12 propostas premiadas, grazas á colaboración de diferentes xoieiros profesionais galegos entre os que se atopan os obradoiros Fink Orfebres (Santiago de Compostela), Ardentia e Unión Joyera de Bergondo (Bergondo), Rosende Joyeros (Ferrol), Raúl Pesqueira Fariña (Marín) e Óscar Joyeros (Viveiro), que pertencen á marca Artesanía de Galicia. Así, os gañadores poderán entregarlle persoalmente ás súas nais as pezas que deseñaron para elas.
No acto de hoxe estiveron presentes os 80 nenos e nenas finalistas xunto coas súas familias, procedentes das catro provincias galegas.
As 12 xoias únicas e exclusivas dos premiados na XII edición do certame Deseña unha xoia para a túa nai sumaranse ás 138 xoias fabricadas con anterioridade nas pasadas edicións, elaboradas por diferentes xoieiros colexiados de Galicia.