• A nova conselleira, María Martínez Allegue, recibiu onte ao alcalde, Valentín Calvín, e o concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Medio Rural, Jaime Ponce
A nova titular da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, María Martínez Allegue, recibiu onte en Santiago de Compostela ao alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e ao edil de Urbanimos, Medio Ambiente e Medio Rural, Jaime Ponce. A reunión de traballo serviu para que os representantes do goberno local puxesen sobre a mesa catro proxectos para mellorar os servizos e infraestruturas do municipio ortigueirés.
Por unha banda, Concello e Consellería trataron a posta en marcha de vivendas de protección pública no municipio. Ditas residencias desenvolveríanse no espazo que hoxe ocupan dous dos tres bloques das vivendas dos mestres. Un deles xa está derruido e no solar exponse construír unha nova edificación de protección oficial, destinada a unidades familiares de rendas máis baixas.
A maiores, preténdese rehabilitar un segundo bloque, actualmente deshabitado, para darlle o mesmo uso. Aínda que antes, o Concello deberá pechar un convenio co Ministerio de Educación.
Doutra banda, o rexedor e o edil responsable de Urbanismo, Medio Ambiente e Medio Rural recalcaron a necesidade de mellorar a seguridade viaria na recta da Venda, unha viaria clave sobre todo durante o Festival de Ortigueira, xa que conecta cos aparcamentos habilitados. Neste sentido, a intención é dotar ambas as marxes da estrada de beirarrúas ao longo duns 400 metros para facela máis segura.
A maiores, o Concello tamén expuxo a necesidade de mellorar as condicións da vía AC-101 que conecta Ortigueira coas Pontes. A actuación pasaría por reformular o vial engadindo algún carril de adiantamento e potenciando a súa seguridade. “O obxectivo é conectar de mellor maneira o noso polígono industrial coa autovía que enlaza nas Pontes”, apunta o alcalde.
Por último, o primeiro edil e o responsable de Urbanismo estudaron coa conselleira a posta en marcha dunha senda peonil para unir Cuíña e o núcleo urbano de Ortigueira. O novo camiño iría desde o Hotel Casa Xiz ata a gasolineira. É dicir, tería unha lonxitude de algo máis de 1.000 metros e ademais de dotar de potenciar o embelecemento costeiro, permitiría desenvolver un sistema de saneamento que minimice as verteduras á ría.
“É de agradecer a predisposición da Xunta de Galicia non só para escoitar as propostas e necesidades de Ortigueira, senón para poñer en marcha moitos proxectos. Como institución local é a nosa obrigación traballar para maximizar os recursos propios, pero sobre todo ir buscar financiamiento a outras administracións, sexan da cor política que sexan. Iso debe darnos igual”, destacou o rexedor, Valentín Calvín, ao termo do encontro.