Friday 22 de November de 2024

O Concello abre o prazo de renovación de matrícula nas Escolas Deportivas Municipais para o curso 2024-2025


Poderase facer a inscrición desde o xoves 2 ata o 27 de maio

O Concello da Coruña abrirá o vindeiro xoves, 2 de maio, o prazo para a renovación das matrículas nas Escolas Deportivas Municipais (EDM) para o curso 2024-2025. As solicitudes poderán presentarse nos rexistros da Cidade Deportiva de Riazor, da Cidade Deportiva da Torre Arsenio Iglesias ou no Polideportivo Municipal do Barrio das Flores, en horario de atención ao público, de luns a venres de 08.15 a 14.00 horas ata o 14 de xuño e ata ás 13.30 horas do 15 en adiante. As renovacións para actividades desenvoltas en San Diego e Santo Amaro realizaranse nestes centros no seu propio horario de atención.

A renovación da matrícula vai dirixida a todo o alumnado matriculado e asistente nas EDM no curso 2023-2024 que desexe manter a súa participación nas actividades o vindeiro curso 2023-2024, tanto no caso das actividades xestionadas directamente pola Concellaría de Deportes, como das organizadas polas concesionarias do Complexo Deportivo de San Diego e do Club do Mar de Santo Amaro. A renovación realizarase na actividade, no grupo e horario no que se estea inscrito/a no curso 2023-2024.
O calendario para as solicitudes será o seguinte: as listaxes de persoas con dereito a renovación xa está publicada na web municipal e nos taboleiros dos centros deportivos, a presentación de alegacións estenderase ata o 30 de abril, do 2 ao 27 de maio procederase á renovación das matrículas, os cambios de grupo para menores de idade terán lugar do 20 ao 26 de xuño, o cambio de horario e instalacións será do 18 ao 19 de xuño e as prazas vacantes publicaranse o 28 de agosto.

As persoas que, unha vez rematado o prazo de renovación que corresponda, non fixeran o pagamento da taxa correspondente entenderase que renuncian á praza na que podían renovar. A dita praza pasará a convocatoria libre e ofertarase no mes de setembro de 2024.

Toda a información sobre o proceso publicarase na páxina web www.coruna.gal/deportes e nos taboleiros de anuncios das instalacións deportivas municipais. A cidadanía tamén se pode informar a través do servizo de atención á cidadanía do 010.