Friday 22 de November de 2024

O Concello de Carballo incorpora ao orzamento unha primeira partida do remanente de tesourería de 783.000 euros


A corporación municipal tamén abordará o luns o regulamento do cemiterio municipal e a cesión de uso da antiga escola unitaria de Ardaña

A corporación municipal reunirase o luns 29 de abril en sesión ordinaria para abordar unha serie de asuntos dos que deron conta o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e o concelleiro de Contratación, Ramón Varela.

Conta ordinaria de recadación do concello de Carballo. A conta corresponde ao exercicio 2023, o último no que funcionou o servizo de recadación de xeito externalizado. Desde o 1 de xaneiro deste ano depende directamente do Concello de Carballo, e nestes momentos están executándose as obras de acondicionamento das novas instalacións, na planta baixa do mercado municipal, ás que está previsto que se traslade o persoal, que agora xa é municipal, nos próximo verán.

Expediente de modificación orzamentaria. O importe do expediente acada os 783.533,14 euros, procedentes do remanente de tesourería para gastos xerais. Con esta cantidade, tal como explicaron o alcalde e a concelleira de Facenda, farase fronte a unha serie de novas actuacións, fundamentalmente relacionadas cos servizos de auga, saneamento e electricidade, como de gastos que non estaban previstos, como é o caso do subministro eléctrico para as barracas do San Xoán, que se colocarán este ano na zona do Rego da Balsa porque “dado que polas obras de prevención do risco de inundación que se están a executar consideramos que o San Martiño non reuniría as condicións de seguridade e de mobilidade necesarias”, explicou o alcalde. Unha vez incorporadas estas cantidades, xunto con outras modificacións orzamentarias xa aprobadas no 2024, por importe de 5,7 millóns de euros, quedará dispoñible un remanente de 4.537.061,10 euros.

Aprobación inicial do regulamento do cemiterio municipal. Ramón Varela explicou que se trata do primeiro regulamento do servizo, que inclúe a descrición das distintas unidades de enterramento ou cuestións sobre a realización de inhumacións e exhumacións, entre outros aspectos. “Non tiñamos regulamento, e aproveitamos o procedemento de concesión de nichos para deixar o servizo cuberto na súa integridade”, engadiu o concelleiro de Contratación.

Cesión de uso da antiga escola unitaria de Ardaña. A corporación aprobará o luns a solicitude da entidade Lenda Educativa para a cesión gratuíta da antiga escola unitaria de Ardaña coa finalidade de convertela nun centro de educación especial. O Concello de Carballo tiña adquirido o compromiso de ceder un inmoble e nos últimos meses acometeu as obras necesarias para a adaptación da antiga unitaria, sempre en coordinación coa Consellería de Educación. Este curso o alumnado foi escolarizado provisionalmente en Coristanco, pero de cara ao vindeiro período académico xa poderán utilizar este novo centro, no que se realizou un investimento de 70.000 euros.

Moción do grupo municipal do BNG sobre precariedade laboral e traballo digno. O grupo de goberno asume, como xa tiña anunciado, as reivindicacións expresadas pola CIG no último pleno facendo uso do regulamento de participación veciñal.