A deputada Rosana Pérez, rexistrou iniciativas no Parlamento galego co obxectivo de instar á Xunta de Galiza a dotar do número de profesionais sanitarios suficiente o centro de saúde de Ribeira.
Dende o BNG denuncian que “malia os centos de anuncios e a propaganda do Partido Popular, a sanidade pública de Galiza está en estado de emerxencia como consecuencia dos recortes, a redución de orzamentos, a infradotación de persoal e unha falta xeral de investimentos”.
Dentro deste deterioro xeralizado, a Atención Primaria está a ser unha das principais damnificadas polas nefastas políticas da Consellaría de Sanidade tendo que rexitrar listas de agarda cada vez maiores, sobrecarga asistencial do persoal sanitario, saturación dos PACs, redución de persoal, non substitución nin por xubilación, nin por vacacións, nin por enfermidade, nin por outro tipo de licenzas ou permisos, axendas saturadas, pacientes sen atender, e un longo etc.
A nacionalista lamenta que non se trata de “casos puntuais” como adoita desculparse a Consellaría diante de calquera denuncia, senón que “son as consecuencias de decisións que trouxeron á Atención Primaria a un deterioro estrutural diante do que a Xunta de Galiza non actúa” denuncia.
O centro de saúde de Ribeira é paradigma da situación que se acaba de describir e leva anos nunha situación límite, que afecta tanto aos propios profesionais como aos e ás usuarias do mesmo, nas que repercute fundamentalmente este abandono. A situación vivida este mesmo mércores, aínda non sendo a primeira vez que se dá, non deixa de ser alarmante: Só había catro médicos consultado para atender a toda a poboación.
Os e as traballadoras do centro recoñecen que esta precaria situación mantense dende hai moito tempo, o que está a repercutir na calidade asistencial sobre todo das persoas que teñen enfermidades crónicas. “O propio persoal calcula que entre 5.000 e 6.000 cartillas non teñen médico fixo no centro” aseguran dende o BNG.
Diante desta situación, a parlamentaria Pérez Fernández, insta á Xunta a cubrir de inmediato as ausencias de persoal sanitario, nomeadamente as baixas de longa duración, do centro de saúde de Ribeira evitando que sigan a producirse colpasos e derivacións ás urxencias do hospital e, por tanto, que se garanta a calidade asistencial á poboación.