— O Centro Integrado de FP Compostela acolleu a presentación de resultados dos 23 equipos participantes na fase galega de Cansat
— O proxecto consiste nun satélite cun paracaídas feito de encaixe de Camariñas
As alumnas do equipo Muxía en órbita, do Instituto IES Ramón Caamaño, alzáronse hoxe gañadoras da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024 cun satélite con paracaídas feito de encaixe de Camariñas. Como tal, representarán a Galicia na fase nacional do certame.
O Centro Integrado de FP Compostela acolleu a presentación de resultados dos 23 equipos participantes neste concurso, no que tomaron parte máis de 140 alumnos de 19 colexios e institutos. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, asistiu ao acto e felicitou a todos os participantes polos seus satélites, que puxeron a proba o pasado martes no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. Animounos, así mesmo, a seguir interesándose por este tipo de retos tecnolóxicos, que melloran as súas competencias científicas e contribúen dun xeito moi positivo á súa experiencia escolar.
Premios noutras categorías
Ademais do equipo de Muxía en órbita, no acto de hoxe a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP tamén entregaroo os premios a mellor difusión e financiación CoiaSAT para o Instituto IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, a equipo máis profesional para o CPR Compañía de María da Coruña, a mellor logro técnico para o Instituto IES Perdouro de Burela, a mellor misión científica para o Instituto IES Manuel Murguía de Arteixo e o premio honorífico para o CPR Ayala de Ferrol.
Un cansat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o cansat ou déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.