O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, e a concelleira de Obras, Patricia Lojo, mantiveron unha xornada de traballo no 24 de abril coa deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e persoal técnico da súa área para analizaren conxuntamente a viabilidade da humanización da rúa Ponte e a reordenación do tráfico rodado.
O executivo local fundamenta a súa proposta na estreitura desa vía provincial, a DP-6703, que fai difícil conxuga-lo tránsito peonil e a circulación de vehículos, dado que en moitos tramos non conta con beirarrúas e o ancho da calzada tampouco optimiza o paso de dous vehículos simultaneamente en ámbolos sentidos. Agora, o Concello da Pobra do Caramiñal encargará a redacción do proxecto para presentar nos vindeiros meses na Deputación da Coruña.
Aproveitouse esta visita para considera-la situación doutras estradas de titularidade provincial como, por exemplo, a DP-6701, que dá acceso ao núcleo de Santo Isidro de Posmarcos dende a rotonda de Cadreche. A petición do goberno municipal a este respecto ciméntase en soluciona-lo estado da deterioración dunha parte do firme, así como da rotonda, para así actuar en materia de seguridade viaria; unha solicitude que xa recibiu a resposta favorable da institución provincial.