Friday 22 de November de 2024

Laxe aposta pola dixitalización da información dos recursos turísticos co deseño e implementación dunha aplicación de realidade aumentada


• Co nome de Laxe AR, a APP está dispoñible para terminais móbiles tanto con sistema iOS como Android

• Conta cuns 50 items que dan a coñecer os diferentes recursos turísticos do municipio, así como 10 rutas que se poderán facer para coñecer polo miúdo o patrimonio natural, histórico e cultural

A Concellaría de Turismo, Comercio, Hostalaría e Cultura do Concello de Laxe aposta pola dixitalización da información relacionada cos recursos turísticos do territorio laxense, tanto naturais como culturais, a través da posta en marcha dunha aplicación de realidade. A APP xa está dispoñible para dispositivos móbiles, tanto con sistema operativo iOS como Android.

A aplicación, posta en funcionamento co nome de ‘Laxe AR’, contén 50 ítems nos que se recolle información sobre os diferentes recursos turísticos do municipio, tanto naturais, como praias, lagoa ou os penedos; como culturais, como igrexas, pazos, o faro, muíños, cruceiros, etc. Así mesmo, contempla 10 rutas que permiten ás persoas usuarias achegarse á singularidade dos recursos turísticos existentes no territorio laxense.

Este proxecto de dixitalización da información turística relacionada co patrimonio é unha solución baseada en realidade aumentada que pretende poñer en valor os puntos de interese do municipio mediante a detección de superficie e o xeoposicionamento a través do teléfono móbil.

Segundo indica o alcalde, Francisco Charlín, “esta aplicación permitiranos dar a coñecer máis a fondo o patrimonio natural, histórico e cultural do noso concello, que é moi amplo, e facilitará o acceso á información para todas as persoas visitantes que queiran coñecer cada un dos nosos recunchos”.

Con esta nova iniciativa no eido da información turística, o Concello de Laxe quere achegar a información máis actualizada nun soporte dixital, que non supón ninfún impacto para o medio ambiente, senón todo o contrario.

Por último, o Concello de Laxe para así a formar parte daqueles concellos e destinos turísticos que fan unha aposta decisiva polo uso das novas tecnoloxías aplicadas á información turística. Unha iniciativa novidosa que non foi nunca implementada no municipio.

Xa se pode descargar a aplicación a través das seguintes ligazóns:

IOS: https://apps.apple.com/us/app/laxe-ar/id6479299193

Android: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.arvision.LaxeAR