Friday 22 de November de 2024

Volei, cabalos, un xantar e Feira da Plantación en San Sadurniño


San Sadurniño mira ao ceo con incerteza ante unha fin de semana que vén cargadiña de actividade. Meteogalicia anuncia un tempo que alternará o sábado e domingo con raiolas e algunha que outra chuviscada. Nada serio nin impedimento para quen teña previsto participar nalgunha das propostas organizadas, que pasan pola fase de ascenso a Superliga masculina de volei que se xoga estes días no pavillón, o xantar popular do San Marcos que se celebra mañá sábado en Amido e a XXVII Feira da Plantación do domingo na leira da Cortiña. Ademais, Santa Mariña tamén acolle na xornada de mañá a súa tradicional Festa do Cabalo.

No repaso ao que dará de si este finde, comezamos precisamente pola Festa do Cabalo, un encontro ecuestre que vai xa pola súa 23ª edición e que está organizado pola Asociación de Cabaleiros de Santa Mariña do Monte.

As inscricións abriranse ás 10:00h e as probas sucederanse a partir das 11:30h, empezando polas de marcha serrada, seguindo logo polas de martelada e rematando a mañá co trote para cruzados. Ás 13:30h pararase para xantar -churrasco, pan e viño a 15€ por persoa (socios e socias gratis). A actividade retomarase trala sobremesa -16:00h- coas competicións de trote e marcha para trotóns, a de galope e, como peche, unha carreira de ponis.

Mentres, na outra banda de San Sadurniño, a comisión de festas de Igrexafeita programou tamén para este sábado un xantar popular que terá lugar no campón da capela de Amido con motivo da celebración do San Marcos. Haberá misa na honra do santo, seguida dunha sesión pirotécnica e de sesión vermú animada polos Berros do Castro e un grupo musical.

Tralo primeiro pase, a iso das 15:00 ou 15:30h, empezará a servirse o xantar composto por fabada, codillo,postre, café e un licor ao prezo de 30€ as persoas adultas e 15€ a rapazada con idades entre 7 e 12 anos (por debaixo desa idade, gratis). A continuación, ben pasada a sobremesa cos habituais sorteos, volverá a música ata que o corpo aguante.

Volei e Feira
Os outros dous grandes eventos da fin de semana son a fase final da SM2 de volei -e torneo de ascenso á máxima categoría- que se está disputando desde este xoves no Pavillón Municipal de San Sadurniño. O Aldebarán-Intasa recibe como anfitrión aos outros cinco equipos clasificados á cabeza dos grupos A, B e C da Superliga Masculina 2.

Ademais de anfitrión, a escuadra dirixida por Pablo Gómez Parga é tamén firme aspirante ao ascenso e a rematar a temporada como campioa da división de prata do volei estatal. Na súa estrea desta mañá exhibiu un xogo soberbio perante o Ibiza Volley que, porén, conseguiu levantar un 2-0 e forzar o tie-break que finalmente se decantaría a favor dos locais, dándolles o pase directo a semifinais. O Intasa enfróntase hoxe á tarde ao cvleganes.com.

Se as cousas van como se agarda, a final da mañá do domingo competirá en público coa Feira da Plantación que se desenvolverá durante toda a xornada na leira da Cortiña. Atoparemos á venda planta ornamental, todo tipo de pés para os nosos morteiros, maquinaria, produto alimentario e artesanía relacionada co mundo floral. Pero tamén múltiples actividades entre música, obradoiros infantís, demostracións e degustacións. O programa completo pode consultarse nesta ligazón. Só falta que o tempo acompañe.