O Concello subministrará aos establecementos de hostalería participantes os produtos que servirán gratis coas consumicións
Mañá sábado arranca “Neda a petiscos”, a campaña promovida polo Concello para poñer en valor os produtos das panaderías do municipio, a través de degustacións de balde en establecementos hostaleiros locais. Serán tres fins de semana consecutivos para desfrutar coas consumicións, os doces e as empanadas máis saborosas.
Nesta terceira edición serán dez os fornos nedenses que subministren ao Concello as elaboracións para estas catas. Prográmase unha en cada un dos 15 bares e restaurantes que decidiron sumarse. E unha extra no Pazo da Merced, só para hóspedes. Así, cada fin de semana, cinco locais (tres o sábado e dous o domingo) servirán doces á hora do almorzo ou ben empanadas variadas ao mediodía.
Calendario
Este sábado o Concello convida á veciñanza e aos visitantes a probar a proia de La barra de oro, co café matinal no bar Graña, e a bola de ovo do Forno de Binuca no café- bar Catalina. Despois, á hora do viño, poderase degustar no Chámalle como queiras as empanadas enfornadas por Santa Rita e Panadería Tito.
“Neda a petiscos” continuará o domingo brindando a oportunidade de probar a bola de millo, elaborada pola Panadería Modesto Hermida, na cafetería da Pensión Maragoto. E no aperitivo será a quenda do café bar Jupe, que servirá petiscos de empanada de Confitería O Carrizo e de Panificadora Germán.
Esta ruta gastronómica, deseñada polo Concello para fomentar o consumo de pan e do resto de elaboracións das panaderías de Neda, pretende tamén incentivar as visitas aos negocios de hostalería locais. “Neda a petiscos” terá continuidade os días 4 e 5 e o 11 e 12 de maio.