Friday 22 de November de 2024

Arranca a nova edición das Xornadas Literarias de Neda centrada na cultura xaponesa


A Casa das palmeiras acollía esta tarde a inauguración da XIX edición das Xornadas Literarias de Neda. Unha cita que, baixo o título de “Trazos de Xapón. Un encontro entre a caligrafía e a palabra escrita”, mira nesta ocasión ao país do sol nacente, abordando o crecente interese pola literatura nipoa que hai en Occidente.

A concelleira de Cultura, Marián Bello, e a decana da Facultade de Humanidades da UDC, Manuela del Pilar Santos, foron as encargados de inaugurar estas xornadas, que converterán a Neda en epicentro cultural de Ferrolterra ata o vindeiro sábado.

Para abrir boca, o maior experto en literatura e cultura xaponesa do noso país, o profesor e tradutor Carlos Rubio López de la Llave explicaba esta tarde as claves de beleza na literatura do Xapón, tendo en conta os valores estéticos dende a nosa perspectiva e dende a perspectiva nipoa.

Mañá, a partir das 18 h, novas ponencias. Carlos Ramos, profesor de lingua e tradución literaria xaponesa falará sobre “O haiku como xénero literario”, e Gabriel Álvarez, tradutor de manga e de grandes autores nipóns, do oficio de tradutor literario. A xornada pecharase cun cinefórum ao redor da película “Mishima. Una vida en cuatro etapas”.