Saturday 23 de November de 2024

O pleno abordará o próximo martes a modificación das ordenanzas reguladoras do Programa de Conciliación Harmoniza


Manteranse as bonificacións de ata o 50 % nas tarifas xerais de acordo a circunstancias socio-familiares e económicas.

O martes da próxima semana (30 de abril) celebrarase un Pleno extraordinario que estará centrado na modificación das normativas municipais reguladoras do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha para actualizalas, reorganizalas e adecualas aos servizos que desde o Concello se ofertan ás familias larachesas. Os asuntos que serán elevados ao Pleno foron sometidos hoxe a ditame das Comisións Informativas de Asuntos Xerais do Pleno e de Facenda e Especial de Contas.

O cambio nos textos das ordenanzas permitirá incluír nunha única normativa os tres servizos de conciliación: Madruga, Vacacións e Canguraxe, todos eles dirixidos a responder as necesidades dos cidadáns derivadas das dificultades que poidan presentarse para compatibilizar os horarios laborais cos escolares. Isto suporá unha máis óptima estruturación dos regulamentos e a simplificación dos trámites administrativos tanto para o persoal municipal como para as persoas beneficiarias do programa.
Madruga ofértase a nenos de entre 3 e 12 anos de idade durante o curso escolar nos tres colexios do municipio desde as 7:00 horas e ata o inicio da actividade no centro de ensino. Inclúe a acollida, coidado, vixilancia, organización de actividades lúdicas e educativas e, a modo opcional, o almorzo. Vacacións ofrece eses mesmos servizos -centralizados no CEIP Otero Pedrayo- no verán, Semana Santa, Nadal e Entroido. E Canguraxe consiste nun conxunto de tarefas de coidados básicos e atención a prestar nos domicilios de familias con nenos de entre 4 meses e 12 anos de idade cando as necesidades de conciliación non poidan ser satisfeitas ou non sexan compatibles cos outros servizos de conciliación dispoñibles.

A nova normativa que se proporá para a súa aprobación por parte do Pleno manterá as baremacións para ter dereito a reducións de ata o 50 % nas cotas xerais dos servizos. No que atinxe á situación socio-familiar, terase en conta que as persoas beneficiarias sexan mulleres vítimas da violencia de xénero, familias monoparentais, familias numerosas, familias con dous ou máis nenos usuarios do servizo e calquera outra situación susceptible de valoración. En canto á situación económica da familia, terán maior puntuación as que presenten un menor nivel de ingresos.