‘Compostela e as orixes da lingua’ ofrece unha andaina guiada co que achegarse ás orixes de Compostela e a súa relación coa lingua galega a través dun percorrido de dúas horas por diferentes puntos da cidade. O primeiro paseo terá lugar o vindeiro 4 de maio e contará coa participación da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
O paseo ‘Compostela e as orixes da lingua’ guiará as persoas participantes a través dun percorrido por doce puntos da cidade no que poderán descubrir como naceu o galego e aspectos relevantes en canto ao léxico, á pronuncia, ao status social…O paseo, que arranca na praza da Pescadería Vella e remata na de San Fiz de Solovio, apóiase en diferentes recursos para facilitar a contextualización e a audición das explicacións.
O Concello de Santiago, a través do seu Departamento de Lingua Galega, pretende con esta acción divulgar a orixe e a diversidade do desenvolvemento do idioma, fomentar a reflexión sobre o potencial do galego na sociedade actual e dar algunhas pistas sobre as orixes de Santiago de Compostela e a súa relación coa lingua galega.
O primeiro paseo, no que participará tamén a alcaldesa Goretti Sanmartín, arrancará o vindeiro sábado 4 de maio ás 11:00 h desde a praza da Pescadería Vella. Todas as persoas interesadas poden inscribirse previamente a través do seguinte formulario que permanecerá aberto ata completar as 30 prazas (recibirase un correo de confirmación nos seguintes días).
Os paseos posteriores desenvolveranse entre o 15 de setembro e o 31 de outubro e estarán dirixidos a grupos de alumnado desde 4º de ESO ata 2º de BAC ou a grupos organizados de entre 15 e 30 persoas do público xeral.
Para a facer a inscrición é preciso mandar un correo a dlg@santiagodecompostela.gal indicando os seguintes datos: centro ou colectivo, curso (se é o caso), número de persoas, datos da persoa responsable (nome, teléfono, correo electrónico) e día e hora de preferencia.