Friday 22 de November de 2024

Xa están en marcha as obras de mellora de accesibilidade e iluminación do local social de Vixoi


· Este é un dos proxectos seleccionados no proceso dos Orzamentos Participativos en 2023.

· Os traballos eliminarán o chanzo dunha das entradas, ampliarán as beirarrúas ata os 2 metros de ancho e instalarán novas luminarias con temporizador na grellada e o parque infantil.

Recentemente puxéronse en marcha as obras para a mellora da accesibilidade e a iluminación no local social de San Fiz, na parroquia de Vixoi, unha actuación que conta cun orzamento total de 23.535,89 euros.

Este proxecto foi unha das propostas elixidas dentro do proceso de selección dos Orzamentos Participativos do ano 2023, e foi presentada pola Asociación de Veciños de Vixoi.

O local social conta con dúas portas de acceso, unha para cada unha das estancias nas que se subdivide no seu interior. A principal xa dispón de acceso adaptado a persoas con mobilidade reducida, pero a outra presentaba un chanzo sobre a beirarrúa.

Para paliar este problema e permitir o acceso fácil a todo o local está a instalarse unha rampla que salve o desnivel existente. Ademais, como medida complementaria, aumentarase o ancho das beirarrúas ata os 2 metros, facilitando a maniobrabilidad para persoas que vaian en cadeira de rodas e cambiando o pavimento por outro que reduce o risco de resbalones.

En canto ás melloras na iluminación, cambiaranse as luminarias por unhas dotadas de pulsadores con temporizador na zona da grellada e na do parque infantil para permitir o uso destas instalacións cando se reduza a visibilidade.