Friday 22 de November de 2024

Fene inicia na Avenida de Tarrío o acondicionamento de beirarrúas coa técnica do formigón impreso


O uso de formigón impreso, que está a aplicar o persoal municipal, aumenta a durabilidade dos amaños realizados

O Concello de Fene vén de poñer en marcha o Plan de Acondicionamento de Beirarrúas, que ten por obxectivo amañar as beirarrúas aplicando unha solución duradeira. Os primeiros traballos estanse a desenvolver na Avenida de Tarrío, onde se sitúan o Centro de Saúde, varios centros escolares e diversos establecementos de hostalería e comerciais.

Ao abeiro deste Plan, o persoal dos departamentos de Obras e Servizos están a empregar a técnica do formigo impreso, consistente na aplicación dun revestimento de formigón coloreado sobre unha superficie previamente preparada. Posteriormente, estámpanse moldes con deseños específicos antes de que complete o secado, conseguindo unhas texturas que imitan materiais como lastras, ladrillos ou pedra natural, que ao secar, quedan adheridos á superficie.
“Hai catro meses fixemos probas da aplicación desta técnica en diversos puntos do concello, que nos serviron tanto para optimizar o proceso de aplicación como para avaliar a súa resistencia ao paso do tempo”, apuntou a concelleira de Servizos, Sandra Permuy. “Á vista dos bos resultados conseguidos, iniciamos agora este Plan de Acondicionamento de Beirarrúas que irá chegando ás diferentes parroquias de maneira progresiva”, adiantou a concelleira.

Permuy destaca que esta solución “soporta tanto as inclemencias meteorolóxicas como o paso de tráfico pesado, resistindo mellor o desgaste co paso do tempo e mantendo a súa aparencia e calidade ao longo dos anos”. “Todo isto incide directamente nun importante aforro económico a medio e longo prazo, mellorando a xestión dos recursos municipais”, concluíu.