San Sadurniño volverá correr polo medio ambiente o domingo 9 de xuño, dentro da novena edición dunha das carreiras populares con máis aceptación de todas cantas se celebran na nosa zona. A proba ten as inscricións abertas desde hai escasos días a través da plataforma emesports.es, ofrecendo circuítos gratuítos de entre 60 e 900 metros nas categorías inferiores e un trazado de 4,9 quilómetros na absoluta (5€), que repite o espectacular percorrido estreado o ano pasado. Por razóns organizativas, o límite de deportistas volve estar limitado a un máximo de 500. A carreira estará controlada polo Comité Galego de Xuíces da FGA e as saídas e chegadas concentraranse de novo no arboreto galego da Cortiña -ao pé do paseo fluvial do Xubia-, lugar de referencia para todos os eventos multitudinarios que organiza o Concello de San Sadurniño.
As categorías inferiores masculina e feminina SUB14, SUB 12 e SUB 10 correrán de balde -aínda que deberán inscribirse igualmente- por un mesmo circuíto situado xusto no centro do arboreto da Cortiña, coa única diferenza do número de voltas que deberán dar: tres, dúas e unha, respectivamente. No apartado de Peques -nenas e nenos nados de 2017 en diante- habilitarase unha recta de 60 metros no sendeiro principal, facendo varias saídas en grupos de idades similares para evitar caídas.
Na carreira grande -cuxa inscrición son 5€- farase unha grande roda que pasará pola Bidueda, cruzará Cornide e seguirá pola beira da estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello, onde os e as deportistas encararán a recta final pasando polos xardíns municipais e o Mesón A Granxa antes de rematar de novo na Cortiña.
Na carreira absoluta participarán desde deportistas que nacesen entre 2009-2010 ata os que pasen dos 55 anos, dentro das categorías SUB 16, SUB 18, Senior, Máster 35, Máster 45 e Máster 55, tanto en masculino como en feminino. A saída daráselles sobre as 11:30h calculando un tempo máximo de 50 minutos. Antes, ás 11:00h, desenvolverase a proba SUB 14 e unha vez finalice a absoluta, a iso das 12:30h, irán encadeándose as carreiras SUB 12, SUB 10 e Peques a razón de unha cada cuarto de hora, co obxectivo de comezar coa entrega de premios sobre as 13:30h.
A popular de San Sadurniño “Corre polo Medio Ambiente” forma parte do calendario de carreiras da Deputación da Coruña e contará coa asistencia técnica da Federación Galega de Atletismo, ademais da colaboración da clínica local Fisio-Che-Ben e do club MTB Biela e Chaveta.
Toda a información pode atoparse na web emesports.es, sitio a través do cal se deberán facer as inscricións. O último día é o 3 de xuño (ás 23:30h) e non haberá posibilidade de anotarse o propio día da carreira.